Novo móbil para maiores de Emporia con función intelixente de chamada de emerxencia

luns, 5 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Emporia, empresa que recentemente estivo na Coruña para presentar un teléfono móbil especialmente deseñado para persoas maiores, vén de dar a coñecer novos modelos de aparellos e servizos personalizados que destacan, segundo informa a compañía, pola simplicidade que poñen en xogo. Entre estes novos produtos atópase o novo emporiaClick, dispositivo plegábel que se puído ver no salón alemán IFA 2011 e que inclúe entre outras cousas unha cámara para visualizar a quen chama e a quen recibe a chamada e, tamén, un botón “intelixente” de chamada de emerxencia.
O aparello en cuestión comparte as características de emprego das achegas precedentes de Emporia, que salientaban por terse desprendido de todo aquilo que puidese impedir ou ralentizar a finalidade última e primeira dun móbil: a chamada. De feito, ao igual que aos aparellos previos, foi concibido tamén para persoas maiores. A cámara, que se activa dende unha tecla lateral, compleméntase cunha pantalla táctil “doada de ler”, altofalantes compatíbeis con audífonos, teclado con puntos de presión, letras grandes e un menú de navegación simple.
“Para facer as cousas aínda máis sinxelas”, informa a empresa, “os tres números máis importantes agora pódense gardar en tres novas claves de marcación rápida”. O móbil en cuestión, como dixemos, incorpora un botón de chamada de emerxencia intelixente que posibilita, con só premelo, a emisión dun sinal acústico de alarma audíbel en todo o contorno, marcando, ao mesmo tempo, un máximo de cinco números preseleccionados de xeito automático e de xeito sucesivo. Por certo que o software incluído impide que as chamadas efectuadas vaian dar a destinatarios con contestador automático ou correo de voz.

PUBLICIDADE