Hoxe é un día moi especial para Apple, xa que o seu agardado reloxo chega ás tendas de Australia, Canadá, China, Francia, Alemaña, Hong Kong, Xapón e Reino Unido, para que os usuarios interesados na súa compra poidan probalos e reservalos, para comezar a recibilos o vindeiro día 24, xa que a comercialización deste produto vai ser moi diferente ao dos iPhone, de xeito que non veremos longas colas o día da súa estrea, xa que só estará dispoñible para quen o encargue con antelación.
Apple decidiu separar tanto a chegada do novo produto ás tendas e a entrega aos consumidores para poder controlar mellor o lanzamento do seu produto máis persoal ata o momento, e que ao non ter precedentes precisa dunha experiencia en primeira persoa, polo que nos países nos que se estrea o dispositivo vai rexistrarse unha grande afluencia ás tendas da compañía da mazá para poder comprobar non só o funcionamento do Apple Watch, senón tamén a súa aparencia, tamaño, correas… para elixir o que máis se adapte a cadaquén.
O persoal das tendas de Apple asisten aos compradores na elección do reloxo de pulso máis axeitado, sendo recomendable que soliciten cita previa vía web, para poder ser ben atendidos, sendo moi poucas as tendas non oficiais de Apple as que permitan probar o reloxo durante estas semanas, e non existindo aínda previsión sobre a data na que chegará a España.
O que si parece inevitable é que o Apple Watch teña un prezo superior ao que se esperaba inicialmente, xa que cando se anunciou que partiría dun prezo de 349 dólares, o cambio de moeda situábao por debaixo dos 300 euros, pero a práctica é bastante diferente, e se atendemos aos prezos en Francia teriamos que o Apple Watch Sport partiría dun prezo de 399 euros cunha caixa de 38 milímetros e de 449 euros para unha caixa de 42 milímetros, de xeito que estariamos ante un produto pouco asumible, especialmente se temos en conta que falamos da versión deportiva con caixa de aluminio, pois se imos ao modelo de aceiro inoxidable, considerado como o normal, os prezos partirían dos 649/699 euros para caixas de 38/42 milímetros, incrementándose en 100 euros se queremos unha correa milanesa e chegando aos 1.149 euros para o modelo de 42 milímetros con correa de mallas, ou sexa, que custaría incluso máis que un iPhone, e presentaría un prezo que multiplicaría por 3 ou 4 o dos seus competidores, o que parece deixar claro que estamos ante un luxo que non busca en ningún momento un volume de vendas semellante ao de outros produtos da compañía de Cupertino.
O novo MacBook
Outro produto revolucionario de Apple é o novo MacBook, con pantalla de 12 polgadas, acabado en 3 cores distintas e unha decidida aposta polos novos portos USB C, destacando por incluír un único porto para todo (cargar a batería, extraer vídeo e conectar periféricos), e a partires de hoxe pode reservarse a nivel mundial, pasando a recibirse por parte dos compradores en 4-6 semanas.
Unha curiosa aposta deste equipo é optar por un procesador Intel Core M, cun menor rendemento que o resto de portátiles de Apple, pero facilitando que manteña un factor de forma moi compacto e unha boa autonomía, de xeito que non falta quen vexa este equipo como un iPad con teclado, dando a impresión de que Apple aplicou neste equipo os coñecementos adquiridos coa fabricación de dispositivos móbiles.
De todos os xeitos non parece que este equipo vaia estrearse con grandes vendas, xa que ten un prezo moi elevado (1.449 euros o modelo con 256 GB de almacenamento e 1799 euros para o modelo con 512 GB) de xeito que a meirande parte de consumidores pola mesma cantidade poderían optar por equipos MacBook Air e MacBook Pro moito máis completos, aínda que os usuarios máis móbiles si poderían ver as vantaxes do novo portátil que polo momento parece limitarse a ser un exemplo de innovación, que marca a pauta que seguirán futuros equipos de Apple.
