

O reitor da UDC, Julio Abalde, presidiu a mesa de apertura do acto, e destacou que as “novas tecnoloxías deben ter alma”, e que se debe “transmitir o coñecemento a sectores que non teñen tanta facilidade para o seu acceso”.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla, quixo salientar que o equipo de traballo estivo formado por investigadoras, poñendo en valor a presencia de mulleres neste eido de acción, e que a Universidade debe “traballar de maneira conxunta para xerar recursos que podamos poñer á disposición da sociedade”.
A investigadora do CITIC Thais Pousada realizou a presentación da guía, cuxo obxectivo é mellorar as necesidades informativas das persoas con diversidade funcional, promover accións para mellorar a súa calidade de vida e fomentar a súa participación social. Segundo explicou, a guía responde a preguntas comúns respecto á obtención do permiso de conducir para persoas con enfermidades neuromusculares e ofrece información detallada sobre as posibilidades de adaptación do coche.
Para finalizar, fíxose unha demostración de dous vehículos adaptados por parte de persoas usuarias de ASEM, amosando as adaptacións levadas a cabo para o acceso e condución dos mesmos.
O CITIC da UDC presenta a primeira guía sobre condución adaptada do ámbito estatal
Compartir Este Artigo

