O CITIC mostra aos membros do Consello Social da UDC o proxecto SmartDrones

mércores, 25 de abril do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) organiza este 26 de abril unha xornada-encontro con investigadores locais para dar conta do seu traballo en investigación con novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Na cita, que se levará a cabo nas propias instalacións do CITIC e que ten como destinatarios principais aos membros do Consello Social da Universidade da Coruña, tamén se dará a coñecer o proxecto SmartDrones, dirixido a dar forma e espallamento a vehículos aéreos non tripulados e intelixentes (unha liña de traballo despregada por Avansig, firma creada por investigadores ligados ao CITIC e aloxada na súa sede de Elviña).
Asistirán o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; o director do CITIC, Manuel F. Penedo; e, como dixemos, os integrantes do Consello Social da UDC. Celebrarase a partir das 19.00 horas. Naya e Penedo serán os encargados de recibir aos membros do Consello Social nas instalacións do CITIC, polas que se realizará unha visita guiada. A continuación, levarase a cabo unha demostración da liña de investigación SmartDrones, consistente nun voo autónomo realizado no DroneLab de Avansig (Edificio- CITIC2). Para finalizar, realizarase unha foto de grupo na cuberta do edificio CITIC, previo á sesión plenaria do Consello Social que está prevista de forma privada, no mesmo centro.
O Consello Social da Universidade da Coruña, para quen non o saiba, é o órgano de participación da sociedade na UDC, a ponte de unión entre a sociedade galega e os dous campus universitarios (o da Coruña e o de Ferrol). A súa misión é velar pola satisfacción das necesidades e expectativas da sociedade por parte da institución académica, estando chamado, en particular, a promover o logro da excelencia na docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento científico.

PUBLICIDADE