O Festival Virtual do Libro lanza web e prepara unha primeira edición chea de sorpresas
venres, 29 de maio do 2020
A
cultura ábrese camiño na adversidade, argallando novos xeitos de
facer promoción, irmandade, comunicación e fronte común arredor
dos libros. Se algo nos demostrou a pandemia, foi a nosa importante
capacidade para buscar no ámbito virtual xeitos de revivir e, tamén,
de resistir. Desta premisa xorde o Festival Virtual do Libro de
Galicia, cuxa primeira edición nace coa intención de que “o libro
e a literatura do país non fiquen parados polas circunstancias que
vive o mundo”.
O
FLIV, malia xurdir “como resultado dun momento moi concreto”, ten
a vocación de perdurar nos vindeiros anos. A primeira convocatoria
celebrarase de maneira virtual entre os días 26 e 28 de xuño e
mañá, 30 de maio, abrirá o seu portal web (www.fliv.gal)
que será o punto de encontro deste novo festival literario.
O
FLIV é un “punto de encontro virtual” segundo explica unha das
súas organizadoras, a escritora Anna R. Figueredo, engadindo que se
trata “dun tipo de festival no que se encontrará todo tipo de
literatura “desde a BD ata a tradución”. Nace tamén para ser un
enclave diverso, dando acubillo a todos os contidos e xéneros
posíbeis, “atendendo tamén ás circunstancias propias do ano
2020”. Por esta razón, Ricardo Carvalho Calero e Concepción
Arenal terán especial cabida no evento online.
Terá
apartados para a literatura e as peregrinacións e fará un repaso
por todos os xéneros literarios: novela, ensaio, poesía, teatro e
literatura infantil e xuvenil, sen descontar o cómic ou a presenza
doutras literaturas na literatura galega por medio da tradución.
No
soportal do FLIV desenvolveranse distintas actividades relacionadas
co libro: presentacións, debates, clubs de lectura e tamén
encontros entre autores coa vantaxe, segundo explican os
organizadores, de que “estes contidos permanecerán na web e
seguirán sendo accesíbeis unha vez pasadas as datas do festival”.
A
proposta, organizada pola escritora e xestora cultural Anna R.
Figueiredo, o espazo web Fervenzas Literarias e a empresa Datalib,
conta asemade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística
da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
Nos
vindeiros días anunciarase a programación completa para a súa
celebración entre os días 26 e 28 de xuño de 2020, unha
programación na que “estarán presentes as principais figuras
literarias do país e na que tamén participarán os axentes arredor
do libro, as bibliotecas e librerías e os colectivos que se moven en
Galicia arredor da literatura”, explican dende a organización.