O Grupo Barrán anuncia novos cursos e un sistema operativo libre e en galego: Linux Espín

mércores, 29 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

O noso entrevistado, José Barrán, nas dependencias da empresa TIC que dirixe

O Grupo Barrán é unha empresa compostelá creada en 2010 co obxectivo de achegar servizos de formación, asesoramento e desenvolvemento web aos nosos profesionais e empresas. Un dos seus principais distintivos é sen dúbida o compromiso polo software libre: practicamente todo o que abrolla da compañía ten en maior ou menor medida este ingrediente. Ben sexan cursos, ben sexan servizos web ou programas. Para José Barrán, director da empresa, a programación aberta é sinónimo de liberdade. Para usalo, para estudalo, e para modificalo. Ademais, di, ten o que fai falta para potenciar o mercado local. Dalgunha maneira, sinala, o software libre é unha prenda que á nosa terra acáelle moi ben.
A continuación, falamos con José das actividades e obxectivos da súa empresa, salientando un programa de cursos para todas e todos (aplicacións para FirefoxOS e Android, hacking ético, mantemento e reparación de computadores) que non para de medrar e máis un sistema operativo libre (Linux Espín) previsto para primavera, con opción en galego e presentándose como unha alternativa firme e real ao Windows.
-Dende o Grupo Barrán apostades ante todo polo software libre e por familiarizar aos nosos profesionais e á nosa sociedade en xeral con algunha das ferramentas máis comúns da programación aberta? Cal é o motivo da vosa aposta? Que credes que pode facer o software libre pola nosa terra e polas nosas empresas e institucións?
-Ben pois, o software libre é unha ferramenta moi potente tanto para usuarios como para empresas porque ofrece múltiples de posibilidades, a par que liberdade a hora de usalo, estudalo ou modificalo, sen falar do beneficio que implica poder adaptalo as necesidades de cada quen. Nós apostamos polo software libre porque cremos que ofrece estabilidade, seguridade e liberdade e por suposto un importante aforro económico. Cremos que o software libre beneficia tanto a usuarios como empresas xa que potencia o mercado local e non nos obriga a ficar atados a ningunha licenza abusiva.
-Organizades de xeito continuo diferentes accións formativas dende a vosa sede de Santiago. Hai uns días Barrán anunciou a posta marcha dun curso sobre desenvolvemento de xogos para plataformas móbiles abertas. Neste caso concreto, para os sistemas Firefox OS e Android. Faládenos deste curso. A quen vai dirixido? Que cuestións se tratan nel? Por que credes que é vantaxoso profesionalmente ter coñecemento sobre estes sistemas operativos móbiles e, sobre todo, sobre como facer aplicacións para estes sistemas operativos? É tanta a súa importancia?
-Certamente, unha das nosas accións para a difusión do software libre é a realización de accións formativas, a última foi a organización dun curso de desenvolvemento de xogos para plataformas móbiles con Android e FirefoxOS, o cal vai dirixido a todo aquel que desexe aprender e introducirse na creación de de xogos ou queira dar forma ao seu propio aplicativo para calquera destas plataformas. Ao mesmo tempo, trátase tamén dunha forma de emprender e, como xa sabedes, gústanos potenciar o emprendemento. Neste curso trátase sobre todo o deseño enfocado a xogos: por onde comezar, puntos a ter en conta, desenvolvemento da app e a súa posterior subida a tenda de ferramentas. Dado o actual auxe dos dispositivos móbiles e a importancia dos sistemas que traen preinstalados, cremos que é importante coñecer os mesmos a fondo para poder sacarlles máis partido.

Instalacións da compañia en Santiago


-Recentemente tamén se desenvolveu nas vosas instalacións un curso sobre reparación e mantemento de equipos. Trátase dunha acción dirixida a favorecer a presenza de software libre entre os usuarios galegos? Ou é máis ben unha actividade para achegar coñecemento sobre a posta a punto de hardware?
-Si, hai pouco realizamos un curso que xirou principalmente arredor de aspectos relacionados co mantemento de sistemas informáticos e redes, tanto a nivel hardware como software en termos xenéricos, pero é certo que unha gran parte dos contidos deste curso estaban baseados no software libre e o coñecemento das alternativas ceibes de licenzas privativas das que dispoñemos para realizar tarefas de mantemento informático, así como o achegamento a sistemas operativos libres e outros aplicativos de uso cotián que moitos usuarios descoñecen e as vantaxes que proporcionan.
-Outra das vosas liñas abertas de traballo ten que ver co hacking ético, un tema que mesmo vos serviu para dar forma a outra actividade formativa, desenvolvida recentemente. En que consiste o hacking ético e por que credes que pode ter interese para os nosos profesionais das novas tecnoloxías? Ten relación este tema coas plataformas de solidariedade e voluntariado que se están a pór en marcha na Rede ou máis ben cos servizos para recadar apoios para iniciativas de diversa índole?
-Cando falamos de hacking ético referímonos á actividade dunha persoa á hora de empregar os seus coñecementos informáticos e de seguridade para realizar probas e detectar vulnerabilidades para posteriormente reportalas e corrixilas. Realizamos este tipo de eventos porque cremos que a mellor forma de ter un equipo ou unha rede seguros é coñecendo os seus puntos febles e principais ameazas para poder ter unha boa defensa ante elas. Tralo escándalo de PRISM e outras filtracións semellantes, os usuarios xa non confían tanto nas multinacionais e queren estar mellor informados de posibles ameazas ou atentados para os seus equipos e redes, e saber como detectar as mesmas e corrixilas, este é o motivo de que realicemos cursos deste estilo.
-Que máis actividades tendes entre mans? Que nos podedes avanzar sobre o voso programa de accións para este ano que comeza?
-Boa pregunta, temos un amplo abano de actividades preparadas para este 2014 que acaba de comezar, algunhas destas actividades realizarémolas en colaboración con importantes empresas do sector e outras pola nosa conta. As actividades deste ano van desde accións formativas, presenciais e a distancia, como poden ser o desenvolvemento de software, a creación de aplicacións web, a creación dunha distribución Linux dende cero (LFS), ou a nova aposta pola formación en programas de código aberto que estamos preparando como é o Certificado de profesional en software libre que inclúe ata prácticas en empresas.
-Dicides na vosa web que amais de traballar a prol do software libre, realizades e desenvolvedes outro tipo de servizos, como creación de páxinas web, computación na nube, apoio a emprendedores ou tarefas de servizo técnico. Estes son, por así dicilo, os vosos puntos fortes? Considerades que unha empresa que queira tirar o máximo partido das novas tecnoloxías para incrementar a súa produtividade e competitividade estaría ben cuberta co que Barrán lle ofrece?
-Si, certo, a idea é centralizar o máximo posible os servizos a empresas e emprendedores para así facilitarlles o traballo aos mesmos e aforrarlles custos. Pero, se ben é certo que ofertamos servizos na nube, deseño web ou asesoría entre outros, a nosa liña de traballo está primordialmente baseada no software libre, a implantación, desenvolvemento e oferta do mesmo, ademais da súa dinamización e difusión.
-Como é o voso xeito de traballar no que a deseño e desenvolvemento de páxinas web se refire?
-No deseño web interfiren varios factores dende que o cliente realiza a contratación, como son as linguaxes usadas, o tipo de páxina, os deseños escollidos, etc. Aínda así, a nosa forma de traballo reflicte un compromiso firme para que nun prazo máximo dunha semana o cliente conte coa súa páxina lista, e se non ten dominio Grupo Barrán regálalle a inscrición do seu dominio por un ano como premio a confianza depositada no noso equipo. O proceso de traballo é moi sinxelo, recóllense as ideas do cliente, que se pasan logo ao deseñador para que realice varios bosquexos e expoña as ideas ao cliente para que este escolla o modelo que prefira en función das súas necesidades. Posteriormente, algún dos nosos programadores web asume a materialización da páxina, cunha primeira entrega ao cliente por se quere cambiar algo. De non ser así, o traballo está rematado. Doutra maneira, realízanse os cambios requiridos. Unha vez feito o traballo, o cliente ten durante un período dun ano soporte tecnolóxico de balde.
-Temos entendido que estades a desenvolver unha distribución Linux para este ano, que nos podedes adiantar?
-Certo, estamos a desenvolver unha nova distribución con núcleo Linux, chamada Linux Espín, é unha das nosas novas apostas polo software libre e trátase dun sistema operativo con núcleo Linux que verá a luz o vindeiro día 4 de abril, marcado no calendario informático pola finalización de soporte para o coñecido Windows XP. Así pois, queremos que os usuarios tenten tomalo como alternativa a Windows XP e que o fagan sen medo, dado que se trata dun sistema compatible, estable e moi intuitivo. Nun plano máis técnico, ten como núcleo o Kernel 3.13 e unha contorna de escritorio baseada en Gnome 2.X. Ademais de incluír numerosos aplicativos de uso cotián, o usuario poderá instalar cun so clic ferramentas novas aínda que sexan para Windows, Mac ou incluso Android, e todo sen necesidade de saber programar e manexarse por comandos. Outro punto bastante destacado será que para os usuarios galegos traerá a nosa lingua como idioma predeterminado. Ademais, tratarase dun sistema lixeiro e potente á vez, que funcionará perfectamente naqueles equipos que incluso criamos obsoletos.
-Cal é a forma de traballo xeral de Grupo Barrán?
-Grupo Barrán ten espallada pola xeografía galega unha rede comercial pensada para prestar servizo directo aos nosos clientes e telos informados das últimas novidades e oportunidades. Os nosos comerciais achéganse aos nosos usuarios reais ou potenciais, cando estes así nolo requiren, para logo pasar á persoa ou persoas axeitadas o traballo a realizar. Ou sexa, pasarlles o encargo do usuario. Neste senso, tentamos manter sempre unha estreita relación entre o cliente e a empresa para así poder solucionar os seus problemas e ofertar novos servizos de forma máis rápida e eficiente. Cando un cliente solicita información sobre os nosos servizos, ben en persoa ou en liña (a través de www.grupobarransl.net), esta petición é dirixida de xeito automático á persoa correspondente para que nun prazo máximo de 24 horas poida ser resolta. Convidamos a todo aquel que o desexe a achegarse polas nosas instalacións na Rúa Nova de Abaixo, 22, 1º en Santiago de Compostela ou ben pasarse pola nosa web e ver todo o que podemos ofrecer.

PUBLICIDADE