O Honor Router 3 soporta WiFi 6+ e custará menos de 30 euros

luns, 18 de maio do 2020 Marcus Fernández

Se temos un smartphone recente é interesante poder contar cun router que soporte WiFi 6, para así gozar de grandes velocidades de transmisión a través de Wi-Fi

A semana pasada presentábase o Mi Router AX1800, un router de Xiaomi compatible con WiFi 6 cun prezo de só 329 iuans (43 euros), e aínda que parecía o dispositivo deste tipo máis económico que poderiamos atopar no mercado, agora chega o Honor Router 3, que presume de soportar WiFi 6+ movendo até 2.967 Mbps e que a semana que vén sairá á venda en China a 199 iuans (26 euros), aínda que pasará a 219 iuans (28 euros) rematada a oferta de lanzamento. Temos así unha opción moi interesante para fogares que teñen dispositivos móbiles adquiridos recentemente e dos que queiran tirar bo proveito sen ter que realizar grandes investimentos en infraestrutura de rede.
Ao igual que no caso do router de Xiaomi, o Honor Router 3 pode xestionarse a través dunha aplicación móbil (neste caso a Huawei Smart Life), soporta numerosos protocolos de transmisión e incluso pode funcionar como elemento dunha rede sen fíos tipo malla, de xeito que podemos mercar varios dispositivos deste tipo e repartilo por diferentes puntos dun fogar de grandes dimensións para conseguir unha boa conexión en todo o domicilio, o que até hai pouco precisaba de solucións bastante caras que non eran compatibles con WiFi 6, polo que estes novos routers poden ser moi vantaxosos se realmente cumpre co que prometen. Queda por saber se Huawei animarase a distribuílos en Europa.

PUBLICIDADE