O ITG mostra a súa tecnoloxía de integración de drons nos portos da Coruña e Ferrol
mércores, 13 de setembro do 2023
O
Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)
levou a cabo estes días unha campaña de voos con drons nos portos
exteriores da Coruña e Ferrol na que mostrou as posibilidades, en
contornas portuarias, de AIRUS, a súa tecnoloxía de integración no
espazo aéreo de naves aéreas non tripuladas.
Na
campaña o ITG recreou varios casos de uso que son claves nos portos,
como o control da seguridade perimetral ou a inspección de áreas de
difícil acceso. As demostracións tiveron o seu peche este 13 de
setembro cun Open Day celebrado en instalacións do ITG, no
que empresas e axentes locais e nacionais foron testemuñas das
aplicacións reais deste desenvolvemento tecnolóxico.
Estas
probas forman parte do proxecto europeo U-ELCOME, que busca impulsar
a implementación do U-Space na UE.
En
palabras de Analía López Fidalgo, directora da área de Sensórica
e Sistema Aéreos non Tripulados en ITG, “convertemos á Coruña e
Ferrol en escenarios privilexiados das probas do consorcio europeo
U-Elcome, demostrando as potencialidades da nosa tecnoloxía AIRUS de
servizos U-Space nos portos. Estes primeiros casos de uso mostrados
nesta campaña representan só o inicio da estratexia de ITG de
innovación na contorna portuaria”. No próximo ano o ITG planea
expandir as nosas operacións con drons para abordar casos de uso
máis complexos e reais, dixo.
Nesta
campaña, levada a cabo os primeiros días de setembro, validouse o
uso simultáneo de drons en diversos casos de uso clave no día a día
dun porto. Así, un dos principais obxectivos acordados no grupo de
traballo creado por ITG onda representantes de ambos os portos foi a
mellora da seguridade perimetral e a inspección de zonas non
operativas, así como a vixilancia da atracada de barcos desde o mar,
o que, en palabras do centro tecnolóxico galego, “facilitaría a
detección e seguimento de verteduras, contribuíndo, por tanto, á
protección do medio ambiente”.
O
desafío principal
O
principal reto a abordar durante os exercicios foi a xestión e
control de varios drons voando á vez sobre os portos. AIRUS permitiu
que máis de dez drons realizasen as súas actividades de maneira
simultánea e de forma coordinada. As probas incluíron o
despregamento de funcionalidades como a planificación e xestión dos
plans de voo, o seguimento en tempo real dos mesmos, a emisión de
alertas de conformidade ou a adaptación a cambios no espazo aéreo.
Durante
varios días os drons utilizáronse para realizar un seguimento
eficiente do estado físico do peche perimetral de Langosteira e
áreas normalmente difíciles de inspeccionar, como o contradique.
Ademais, a tecnoloxía de ITG con drons tamén se aplicou na
inspección doutros elementos, como paramentos, defensas e diques de
abrigo tanto no interior como no exterior dos portos da Coruña e
Ferrol. “Esta capacidade de inspección detallada permite acelerar
os procesos mantendo á vez as infraestruturas en condicións óptimas
de maneira máis eficiente, reducindo os custos e mitigando riscos
potenciais que puidesen afectar a instalacións críticas”,
explicaron fontes do ITG, engadindo que estes labores de inspección
e vixilancia resultaron ser “unha valiosa adición ao sistema CCTV
(control de accesos) existente, xa que permite ofrecer unha visión
completa do perímetro do porto e da súa superficie”.