O Mobile World Congress quere celebrarse presencialmente

mércores, 17 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O Mobile World Congress de Barcelona foi a primeira grande cita tecnolóxica en cancelarse en 2020 por mor do coronavirus, de aí que haxa moito interese por saber o que acontecerá coa edición de 2021, adiada por precaución até o verán, e dende a organización aseguran que manterán o evento como un congreso presencial, aínda que con importantes cambios para adaptarse á situación sanitaria.
A GSMA pretende que o vindeiro Mobile World Congress sexa presente un contorno sen contacto, no que os asistentes precisarán dun test de coronavirus negativo nas 72 horas previas ao evento (contando tamén con tests na propia feira para quen non puidera realizar as probas antes). Pretenden congregar a entre 40.000 e 50.000 persoas, o que é menos da metade da capacidade de anos anteriores, pero seguen a ser un volume de xente moi elevado, tanto por seguridade como polas dúbidas de que os asistentes poidan o queiran acudir á cita, pois a situación sanitaria para finais de xuño é unha grande incógnita, así como as restricións para viaxar que poida haber a nivel mundial.
O Mobile World Congress de Barcelona está previsto que comece o 28 de xuño, data que neste momento parece demasiado próxima e arriscada, e do que non hai dúbidas é de que a data non será un referente para o sector tecnolóxico, que xa mudou completamente o seu calendario anual, polo que non é de agardar que os fabricantes preparen lanzamentos ou grandes presentacións para un congreso que non terá o impacto habitual nun momento no que a comunicación do sector está a realizarse totalmente en liña.

PUBLICIDADE