O PES convértese nun xogo de balde multiplataforma

mércores, 21 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Os xogos de fútbol de Konami hai tempo que perderon o seu pulo, totalmente superados polos FIFA de EA Sports, e como mostra tivemos que o ano pasado mudaron o seu nome a eFootball PES 2020 e incluso lanzaron o eFootball PES 2021 LITE como xogo free-to-play, pasos que serían o anticipo ao grande cambio que anuncian hoxe: a marca PES desaparece e pasa a responder unicamente por eFootball, converténdose tamén o free-to-play como única modalidade de xogo.
Temos así que este ano o eFootball será un xogo de balde e multiplataforma, que contará con versións para PS5, PS4, Xbox Series X|S, Xbox One, PC (Windows 10 e Steam), iOS e Android; e ofrecerá novas características, modos e eventos, de xeito que tras o verán veremos como pouco a pouco vai incorporando cambios como un novo motor, a posibilidade de xogar entre consolas de distintas xeracións (que máis adiante permitirá tamén que os xogadores de consola compitan contra os de PC) e chegarán incluso a permitir os partidos multiplataforma entre todos os dispositivos para os que o xogo estea dispoñible (prestación que chegaría xa no inverno).
Con este cambio xa non veremos lanzamentos anuais do xogo, senón actualizacións de balde coas distintas tempadas, o que podería contribuír a manter unha base de usuarios estable e fiel, na liña ao que acontece con outros xogos multiplataforma free-to-play.

Vídeo de presentación de eFootball

PUBLICIDADE