O Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre bate récords de participación e calidade
xoves, 16 de outubro do 2014
Temos novidades que achegar acerca do Premio ao
Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre, un
recoñecemento convocado pola axencia AMTEGA e a Oficina de Software
Libre do CIXUG (o consorcio de desenvolvemento de aplicacións que
abrangue as tres universidades galegas). Pois ben, por unha banda
cómpre sinalar que este venres 17 celébrase o acto de entrega do
galardón do certame, que vai pola súa sétima edición. Pola outra,
dicir que nesta nova convocatoria acadouse “un récord histórico
de participación”. Para facérmonos unha idea, recibíronse 15
inscricións, completando catorce candidatos os requirimentos
esixidos para participaren. Segundo nos contan dende Mancomún
(AMTEGA), houbo
gran variedade de temas nos traballos presentados, que salientaron
todos pola súa gran calidade.
Ademais, por vez primeira recibíronse dous
proxectos que amais de software, empregaron hardware aberto. Por
estas e outras razóns, engaden fontes da axencia, “a tarefa do
xurado non foi un traballo doado á hora de elixir os finalistas”.
De feito, explican, “todos os candidatos foron merecedores do
premio”. Estes son os 14 candidatos que concorreron no concurso
deste ano:
· Alexandre Filgueira Lago, Deseño
e execución dun robot móbil de interiores para uso docente. O
proxecto consiste no deseño e construción dun robot móbil
autónomo, empregando unha placa baseada no hardware libre Arduino e
o desenvolvemento dunha aplicación móbil, para Android desenvolvida
coa linguaxe Appinventor, a cal está baixo licenza MIT.
· Fernando Vázquez Novoa, Implantación
dun ERP de código aberto na Asociación Clúster da Xeotermia
Galega. O proxecto consistiu na implantación de OpenERP na
Asociación Clúster da Xeotermia Galega (ACLUXEGA) adaptando dito
ERP ás súas necesidades.
· Xacobe Macía da Silva, Implementación
dunha solución VDI para escritorios Linux na Universidade da Coruña.
Proxecto no que se realizou unha análise das posibles solucións de
infraestrutura de virtualización VDI para escritorios GNU/Linux no
mercado actual, seleccionando a axeitada para o entorno da UDC,
realizando o deseño, implantación e despregue da mesma nun entorno
corporativo real.
· Vreixo González Caneda, Aplicativo
de cálculo de rutas en transporte público con software libre.
Este proxecto consistiu no desenvolvemento dunha aplicación para o
sistema operativo Android, que ofrece cálculo multimodal de rutas en
distintos medios de transporte publico, a pé e en bicicleta co
obxectivo de servir de ferramenta de busca das mellores rutas. Fai
uso da infraestrutura libre OpenTripPlanner (OTP). Ademais
despregouse un servidor para a rexión da Coruña-Ferrol que inclúe
os datos de autobuses de ambas cidades, as respectivas redes de
alugamento de bicicletas, así como os servizos de tren de
interconexión.
· Luís Alfonso Fernández Serantes, Deseño
e implementación de un emulador de fontes de corrente continua a
partir dun convertidor DC/DC. Trátase dun traballo de fin de
grao en Enxeñería Eléctrica no que se desenvolve un programa de
emulación deste tipo de baterías e o seu implementado en forma de
práctica mediante unha plataforma de hardware libre.
· Iago Veloso Abalo, Sistema
de grabación automática da emisión en directo dunha
emisora de radio comunitaria con Software Libre. Este
proxecto desenvolve unha aplicación web e un programa gravador. “A
aplicación web”, informa a organización do concurso, “é a cara
visible do sistema onde os oíntes atopan toda a información da
emisora podendo escoitar directamente os programas a través do seu
navegador ou subscribirse a aqueles que sexan do seu interese”.
Pola outra cara, o programa gravador encargarase de maneira
automática de capturar o son e publicar os contidos da emisora na
web.
· Luís Omar Álvarez Mures, Ferramenta
para o traballo interactivo con grandes nubes de puntos 3D.
Este traballo fin de grao consiste no deseño e desenvolvemento dunha
ferramenta software multiplataforma para a visualización, xestión e
manipulación interactiva de grandes volumes de nubes de puntos 3D,
como poden ser as obtidas por un escáner LIDAR.
· David Albela Pérez, Aplicación
de soporte para o
mantemento de produtos software. Esta achega desenvolve unha
aplicación para dar soporte á xestión do mantemento de produtos
software, permitindo xestionar as peticións de cambio e as
actividades necesarias para desenvolvelos, proporcionando unha serie
de indicadores a nivel de proceso, que permitan facer un seguimento
do mantemento.
· Mª Purificación Velasco Montes, Pedais:
Aplicación móbil de consulta, realización e creación de rutas
ciclistas. Desenvolvemento dunha ferramenta para crear,
consultar e realizar rutas ciclistas desde un dispositivo móbil.
Amosa valores de tempo transcorrido, velocidade media e máxima e
ruta trazada sobre un mapa.
· Rafael Malvido Rodríguez, Aplicación
para a xestión de prácticas en empresas. Desenvolvemento
dun aplicativo para a xestión de prácticas curriculares en empresa
empregando Drupal7 para o desenvolvemento.
· Santiago Saavedra López, Trustable
Distributed Storage over Untrusted Peers. Este proxecto
pretende desenvolver unha rede distribuía de contidos actualizables
e versionables sen necesidade dun terceiro de confianza.
· Alejandro Pernas Pan, Biblioteca
e aplicación web para a realización de operacións sobre
documentos. Este proxecto desenvolve unha biblioteca e unha
aplicación web que permiten realizar unha serie de operacións con
ficheiros en formato PDF, tales coma unión e separación de
documentos, protección, desprotección, ou creación de marcas de
auga, operacións que a maioría dos usuarios precisan realizar
nalgún momento.
· Manuel Fontenla Cadavid, Programación
en R de problemas de busca de árbores óptimas. Programación
dunha serie de paquetes e bibliotecas na linguaxe de programación R
e en Javascript que permiten traballar con grafos e aplicar sobre
eles algoritmos para a obtención de árbores óptimas como a árbore
de custe mínima, a arborescencia de custe mínima, a árbore do
camiño máis curto ou a árbore do corte minimal.
· Damián Aragunde Pérez, Deseño
e implementación dunha ferramenta de axuda á audición mediante o
uso de tecnoloxías móbiles. Desenvolvemento dunha
ferramenta para dispositivos Android OK-OH! co obxectivo de
converterse en método de axuda a persoas con perda auditiva. A
aplicación percibe o son circundante mediante os micrófonos e
ofréceo ao usuario de maneira clara e aumentada.
Entre os devanditos proxectos, hai traballos da
Escola Técnica de Enxeñería Técnica Industrial da UDC, da Escola
Técnica Superior de Enxeñaría de Minas de Vigo, da Escola
Universitaria Politécnica da UDC e da Facultade de Matemáticas da
USC.
Polo que respecta aos cinco finalistas, son os
seguintes: Vreixo González, Iago Veloso, David Albela, Santiago
Saavedra e Damián Aragunde. Estes cinco candidatos deberán realizar
unha breve presentación ante o xurado o vindeiro venres sobre o
traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos
aspectos relacionados co software libre, dos logros acadados, das
motivacións para publicalo con licenza libre, da experiencia nas
comunidades, das perspectivas de futuro, etc. Logo das
presentacións, o xurado deliberará para tomar a súa decisión
final e nomear ao gañador do primeiro premio, dotado con 1.500 euros
patrocinado polo CIXUG, e o merecedor do accésit de 750€
patrocinado por GPUL.
