O aforro enerxético, a loita contra a COVID e a ciberseguridade centran o Congreso esLibre de Vigo

xoves, 23 de xuño do 2022 S. P.

A cidade de Vigo será esta última fin de semana (24 e 25 de xuño) o epicentro do software, o hardware e a cultura libres. O motivo será a celebración do Congreso esLibre, no Museo Marco e no espazo de eventos Muta. Neste congreso achegaranse distintas propostas e solucións sobre cuestións “moi relevantes para a cidadanía, como son o aforro na factura enerxética, a loita contra as pandemias, o combate contra software malicioso, incentivar o interese pola programación na escola e un longo etcétera”, explican fontes da Asociación Galega de Software Libre.
As entidades anfitrioas e que colaboran na organización co equipo de coordinación a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). O evento desenvolverase en formato presencial, pero tamén estará dispoñíbel en liña para as persoas que non poidan asistir a Vigo.
Entre as múltiples temáticas que se abordarán destaca unha de “imperiosa actualidade”, que non é outra que a optimización do aforro enerxético. Isto, segundo sinala a organización, pódese conseguir a través do proxecto FreeDs, que “une un hardware e software libres para xestionar os excedentes enerxéticos nun determinado momento e derivalos para outros usos”. Actualmente conta con case 2.000 persoas usuarias que, a través dun grupo de mensaxería en Telegram, comparten consellos e asesoran sobre a montaxe e uso deste sistema, que só ten un custo de 50 euros. AGASOL, para facernos unha idea do potencial deste proxecto, destaca que na actualidade xa hai fogares onde se lograron rebaixas de ata o 100% do custo variábel da factura, reducindo facturas mensuais de 400 a só 8 euros. Porén, FreeDs dedícase a optimizar, é dicir, para lograr o aforro é preciso contar coa instalación e o consumo de fontes de enerxía alternativas aos combustíbeis fósiles, como a enerxía solar.
Polo que se refire á COVID, no congreso porase o foco en aplicacións como a ferramenta oficial española desenvolvida e lanzada con software libre para pór freo á propagación do virus, un recurso que salientou (entre outras cousas) por facilitar a interoperatividade con outros sistemas. O experto Alexander Sander, da Fundación Europea de Software Libre, falará sobre o impacto que tivo esta tecnoloxía na loita contra a pandemia.
Esta edición de esLibre inclúe debates e conferencias sobre a situación actual do movemento do software libre en Galicia (unha das autonomías máis destacadas por número e importancia de empresas relacionadas con este ámbito) e outras comunidades como Asturias.
As actividades do congreso tamén se centrarán en achegar ferramentas para combater o software malicioso na utilización de sistemas libres como Linux ou como a plataforma Arduino, que incentiva o interese e a práctica en programación por parte do alumnado de Secundaria e Bacharelato.
“O software libre é transversal a todos os sectores da economía e iso tamén aplica á construción, unha das actividades con maior peso na economía galega e española que, pese a iso, está moi pouco dixitalizada”, sinala AGASOL, facendo saber que unha das charlas amosará as carencias e o que queda por facer neste eido.
Outra das conferencias máis esperadas é a que protagonizará Pietro Marini, da compañía Nextcloud, unha plataforma de código aberto que permite ás súas persoas usuarias ter o control sobre os seus propios datos, subidos á súa propia nube particular. Este sistema estase utilizando en produción en centenares de miles de organizacións en todo o mundo, algunhas delas con bases de usuarios masivas.
Desde a propia web do congreso pódese acceder ao detalle de horarios e actividades programadas, incorporando unha ficha de cada unha delas, con descrición e ata contactos das persoas relatoras. A asistencia é libre e gratuíta pero, por cuestións de aforo, é preciso rexistrarse previamente.

PUBLICIDADE