O calendario tecnolóxico global segue a mudar por mor da pandemia

luns, 4 de maio do 2020 Marcus Fernández

Tras a vaga de cancelacións de eventos por mor da pandemia, algúns eventos quixeron ser optimistas e simplemente adiaron a súa celebración en previsión dunha rápida remisión da COVID-19, como foi o caso da Game Developers Conference (GDC), que pretendía celebrarse entre o 4 e o 6 de agosto no Moscone Center de San Francisco en vez da súa habitual data de marzo, pero finalmente tiveron que revisar a situación e agora confirman que o evento que deron en chamar GDC Summer pasará a ser totalmente dixital.
A vindeira edición da GDC deixará así de ser un evento presencial, con relatorios e obradoiros presenciais, para trasladar as súas actividades á Rede, algo que terán relativamente doado, xa que habitualmente xa celebraban bastantes actividades en paralelo pola Internet para facilitar a participación de desenvolvedores na distancia.

Evo 2020

Pero a GDC non é a única actividade que só terá lugar exclusivamente en liña, senón que o principal torneo de videoxogos de loita a nivel mundial, o Evo 2020, tamén cancela o seu encontro en Mandalay Bay, devolverá os cartos a todos os que adquirisen billetes para o encontro e, para manter o espírito do evento vivo celebrarán un evento en liña do que darán máis datos nas vindeiras semanas.

Fortnite World Cup

Outros torneos de videoxogos tamén padecen cambios semellantes, e no caso do xogo Fortnite mantéñense os campionatos en liña durante o que resta do ano, pero a Copa Mundial de Fortnite queda oficialmente cancelada, xa que esta competición desembocaba en eventos presenciais que actualmente son imposibles, e incluso resulta imposible a realización dun torneo mundial en liña, xa que os cruzamentos entre as distintas rexións son inviables debido aos problemas de latencia e ás distintas zonas horarias.

PUBLICIDADE