O camiño ao éxito de Pepephone centrou a primeira edición de The Net Room

venres, 7 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

JPEG - 141.4 KB
Os asistentes ao evento puideron coñecer un bo exemplo de marketing low cost a través dun relatorio do director xeral de Pepephone

Esta tarde o compostelán Hotel Moure acolleu a primeira edición de The Net Room, un orixinal evento organizado por María Mosquera e Laura Camino que busca xuntar nunha habitación de hotel a un grupo limitado de profesionais para poder atender a actividades de formación nun ambiente moi informal, no que prescíndese de cadeiras, empregando coxíns como asento, que veñen a ser os billetes para poder asistir a estes dinámicos relatorios que comezaron cunha figura estelar, Pedro Serrahima, director xeral de Pepephone, quen compartiu a súa experiencia no operador móbil virtual como un exemplo de marketing low cost, que era a temática deste encontro que completouse cunha charlar sobre ferramentas de baixo custo, unha sesión de asesoramento exprés e varias actividades de lecer para favorecer o networking entre os participantes do que promete ser a primeira de moitas entregas.
Durante o seu relatorio, Pedro Serrahima recoñeceu con humildade non ser quen de dar as fórmulas do éxito do seu operador móbil virtual, por non ter seguido un camiño ordinario dentro do mundo da empresa, senón que simplemente limitáronse a fixar unha filosofía corporativa consistente en facer “cousas normais” como cobrar unicamente polos servizos prestados aos seus clientes e non disfrazar as súas políticas de prezos.

JPEG - 124 KB
Pedro Serrahima explicou a súa experiencia en Pepephone como o éxito de facer "cousas normais"

Quixo destacar que o marketing low cost no seu caso foi unha necesidade nacida da falta de recursos económicos, incidindo no feito de que “o low cost non é o cutre”, senón que no seu caso limitáronse a descompoñer custos e eliminar o accesorio para poder ofrecer uns prezos moi atractivos, en vez de facer o mesmo que os seus grandes competidores, como financiar terminais móbiles vendendo a operación como un agasallo.
Serrahima comentou numerosas prácticas de Pepephone, como os reintegros aos clientes nos casos de incidencias, ou a adecuación das demandas dos usuarios para crear diferentes tarifas, buscando sempre ofrecer un bo servizo de atención ao cliente dende España xa que “a mellor oportunidade de marketing é cando un cliente ten un problema contigo”. Esta estratexia parece ter funcionado, xa que o operador, en vez de medrar en usuarios a base de campañas publicitarias, a principal canle de captación de novos clientes e a prescrición dos clientes actuais, contentos co trato recibido. Recoñece que as redes sociais son a ferramenta de marketing máis potente que existe, especialmente para as compañías pequenas, que así poden ter certa repercusión sen ter que recorrer ás grandes campañas que poden facer outras compañías, o que parece ter funcionado con Pepephone, que en 2013 conseguir ser o cuarto operador que máis medrou, pese a ser dos máis cativos.


Aínda que a sorte foi un factor fundamental no éxito de Pepephone, Serrahima apuntou numerosos detalles chave para tal fortuna, como a sinceridade e a transparencia (que tradúcense en clientes satisfeitos que non se senten estafados en ningún momento) e incluso comentou que dentro da empresa poden permitirse unha grande flexibilidade para adaptarse ás demandas dos clientes grazas a que fan uso de software libre nos seus sistemas informáticos.

Rematada unha moi dinámica e interactiva charla de Pedro Serrahima, chegou a quenda da co organizadora do evento, María Mosquera, que quixo achegar ferramentas de balde ou de prezo reducido para potenciar os negocios a través da Internet, como son solucións para realizar composicións gráficas, plataformas de e-mail marketing, aplicacións para analizar a nosa posición na web e nas redes sociais ou plataformas para facilitar a xestión da nosa presenza en redes sociais. Completouse así un evento de grande interese para os que están a emprender con poucos recursos, que a través dun caso de éxito e unha recompilación de ferramentas poden tomar ideas que aplicar aos seu negocio, para aproveitar o potencial das redes sociais como catalizador.

JPEG - 161.3 KB
Os asistentes a The Net Room empregaron coxíns como asentos, dando un toque orixinal ao encontro

PUBLICIDADE