O iPad mini incrementa a súa potencia para abrir a porta a Apple Intelligence

martes, 15 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O iPad mini, que non se renovaba dende 2021, por fin recibe unha actualización, coa sorpresa de que non se realiza dentro da presentación de outono de novos ordenadores de Apple (prevista para este mesmo mes).
O novo iPad mini muda principalmente por incorporar un procesador A17 Pro, conseguindo así compatibilidade con Apple Intelligence (cunha NPU o dobre de potente que a do modelo anterior), aínda que cómpre lembrar que polo momento esta característica non está dispoñible en España e non se espera que chegue até ben avanzado o ano que vén. A tableta, dispoñible en catro acabados (sendo novas as cores azul e púrpura) presenta unha pantalla Liquid Retina de 8,3 polgadas, compatibilidade co Apple Pencil Pro e unha cámara traseira de 12 Mpíxeles que non só consegue fotos máis naturais, senón que emprega aprendizaxe automática para detectar e escanear documentos directamente dende a aplicación Cámara.
A nova tableta de Apple chega cun prezo de 599 euros para o modelo Wi-Fi 6E con 128 GB de almacenamento, mentres que con 256 GB custa 729 euros e con 512 GB o seu prezo queda en 979 euros. Por 170 euros adicionais pode optarse pola versións correspondentes con conectividade móbil (5G).
Xa é posible reservar o novo iPad mini, aínda que haberá que agardar ao 23 de outubro para que chegue aos compradores.

O iPad mini é agora compatible co Apple Pencil Pro