O mércores preséntase o plan para o impulso dos contidos dixitais en Galicia

luns, 30 de abril do 2018 Redacción

A Sala Eisenman da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 2 de maio a presentación do Plan DICO Mindset de impulso aos contidos dixitais aos axentes implicados. Esta estratexia, elaborada pola AMTEGA en colaboración co Clúster TIC e co Clúster Audiovisual galego busca posicionar a Galicia neste ámbito, axudando ás empresas de contidos a transformase dixitalmente para competir.
A estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

JPEG - 147.7 KB
Programa da xornada de presentación do Plan DICO Mindset

No encontro, que será inaugurado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira e presidentes dos Clústers TIC e do Audiovisual, Antonio Rodríguez e Jorge Algora respectivamente, detallaranse as liñas estratéxicas do Plan así como os proxectos tractores que ten en marcha a Xunta neste ámbito como o espazo de creación de contidos educativos innovadores ou o Proxecto GEOARPAD para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia e o norte de Portugal.
A CRTVG, cuxo director Alfonso Sánchez clausurará a xornada, dará conta da súa colaboración coa AMTEGA para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:
Incorporaranse á experiencia de usuario as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade; empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear de canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia. Crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo.
Con estas iniciativas darase un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.
A execución do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (AMTEGA, IGAPE, CRTVG, AGADIC, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.

PUBLICIDADE