O novo Flappy Bird non ten nada que ver co orixinal
luns, 16 de setembro do 2024
En 2014 o xogo Flappy Bird converteuse en todo un éxito pola súa dificultade e adicción, converténdose nun fenómeno histórico despois de que o seu creador, Dong Nguyen, decidise retirar o xogo das tendas de aplicacións.
Agora que entendemos que Flappy Bird é un título de culto, do que xurdiron numerosos clons, sorprendeu o anuncio do seu regreso, nun comunicado escrito en primeira persoa, dando a entender que en breve poderiamos ver unha nova versión do xogo, pero realmente estamos ante algo moi diferente, xa que Dong Nguyen saíu á palestra para confirmar que non ten nada que ver con ese xogo, á vez que salientou que non está a favor das criptomoedas.
Estas declaracións levan a entender que podemos estar ante un posible calote ou, como mínimo, ante un caso de mala praxe, pois estamos ante unha compañía que aproveitou o feito de que Nguyen deixara a marca Flappy Bird sen uso para facerse con ela.
En calquera caso estamos ante o que poderiamos considerar o roubo dunha propiedade intelectual, xa que posuír unha marca non permite a usurpación dos contidos publicados anteriormente baixo a mesma, e non parece moi recomendable achegarse ao novo xogo ante os poucos escrúpulos que parecen ter os seus responsables, que estarían a aproveitar unha marca coñecida para promover o uso dunha plataforma de criptomoedas.