O novo Plan Técnico Nacional da TDT habilitará unha nova canle de televisión

martes, 25 de marzo do 2025 Redacción

O Consello de Ministros aprobou un real decreto sobre o novo Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e medidas de impulso para a súa evolución tecnolóxica. A norma establece o marco xurídico e técnico para introducir no servizo da TDT de calquera ámbito territorial (estatal, autonómico e local) a tecnoloxía de transmisión DVB-T2, que permitirá xeneralizar as emisións con calidade de ultra alta definición (UHD). A tecnoloxía DVB-T2 incrementa de xeito importante a capacidade en cada múltiple dixital e permite, polo tanto, facer un uso máis eficiente do espectro radioeléctrico.
O proceso fixado para implantar esta evolución tecnolóxica implica a redistribución na organización das canles de televisión de ámbito estatal entre os diferentes múltiples dixitais, o que fai que quede libre unha parte da capacidade dun dos múltiples dixitais para unha nova canle de ámbito estatal, cuxa licenza sairá a concurso proximamente, ampliando así a oferta de canles de TDT.

Evolución tecnolóxica en dúas fases

O proceso levarase a cabo en dúas fases. Na primeira, o obxectivo é favorecer a implantación da tecnoloxía e que a cidadanía comece a recibir de maneira regular canles de TDT de ámbito estatal con calidade UHD. Estas canles UHD emitirán contidos simultáneos aos que xa se emiten noutros canles, polo que os cidadáns non deixarán de recibir ningunha canle nin contido. Así mesmo, nesta fase inicial levarase a cabo a adaptación do parque de receptores de TV para recibir tecnoloxía de transmisión DVB-T2 e emisións en calidade UHD.
Cando o parque de receptores de televisión dixital terrestre estea suficientemente adaptado, iniciarase a fase 2, que implicará a implantación global da tecnoloxía DVB-T2 e a calidade UHD en todos os servizos de TDT, tanto de ámbito estatal, autonómico como local.
Para garantir esta adaptación paulatina do parque de receptores, o novo Plan Nacional fixa datas concretas a partir das cales os equipos receptores que non reciban emisións con estes estándares técnicos non poderán ser comercializados en España, evitando así que a cidadanía poida adquirir equipos que non estean adaptados aos novos requirimentos técnicos.