Hai uns días Motorola anticipou que entraría na competición dos smartphones ultrafinos co Motorola Edge 70 5G, que se rumoreaba que tería un grosor inferior ao 6 milímetros, sen chegar a ser tan delgado como un iPhone Air ou un Samsung Galaxy Edge, pero a realidade podería ser ben diferente, xa que Lenovo vén de publicar na súa páxina web a ficha do Moto X70 Air, que sería a versión chinesa deste smartphone, sorprendendo por ter un grosor de só 5,3 milímetros e un peso de 159 gramos, colocándose á cabeza nesta carreira. Este deseño ultrafino non impediría que estivésemos ante un dispositivos con certificación IP68 e IP69 ante auga e po, e cunha batería de 4.800 mAh de capacidade con carga rápida de 48 watts por cable e 15 watts sen fíos, algo impresionante para un tamaño tan compacto.
Pero aínda que o deseño sexa moi rechamante, a nivel de procesador confórmase cun Qualcomm Snapdragon 7 Gen 4, de xeito que a nivel de potencia quedaría na gama media, o que sorprende se vemos que incluso está equipado cunha pantalla P-OLED de 6,67 polgadas cunha resolución de 1.220 x 2.712 píxeles e un brillo pico de 4.500 nits (o que parece máis propio de dispositivos de gama alta) e incluso está equipado con cámaras de 50 Mpíxeles e altofalantes estéreo (cando o iPhone Air só ten un altofalante superior).
En novembro veremos estes novos smartphones de Motorola no mercado, e será a hora de comprobar se finalmente se conseguiu reducir o grosor dos móbiles sen sacrificar autonomía nin número de cámaras traseiras.
O novo móbil ultradelgado de Motorola podería ser máis fino que o iPhone Air
Compartir Este Artigo

