O router Google Wifi sae á venda en España

mércores, 20 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Os altofalantes Google Home e Google Home Mini non son os únicos produtos que hoxe se estrean no mercado español, senón que tamén saíu á venda o agardado Google Wifi, un router para que queira ter unha rede sen fíos na casa de calidade e doada de administrar, que pode adquirirse por 139 euros, pero que para tirar auténtico proveito do produto conta cun lote de 3 unidades por 359 euros que poden distribuírse por un domicilio de grande tamaño para funcionar a xeito de maia para así ofrecer unha conexión Wi-Fi de calidade en todos os recantos do fogar.
Google Wifi integra a tecnoloxía Network Assist, que busca achegar unha rede rápida e segura sen grandes esixencias para o usuario, procurando optimizar o sinal sen importar a cantidade de dispositivos e onde se atopen. O trebello vai saltando dun sinal a outro de xeito ininterrompido mentres un se move polo fogar, procurando así ofrecer o largo de banda óptimo para os dispositivos que esteamos a empregar, dando prioridade ao trebello que máis velocidade precise en cada momento. Tamén inclúe facilidades para compartir a rede Wi-Fi do fogar con convidados a través da aplicación móbil que xestiona o router, que tamén permite establecer controis de uso para, por exemplo, por un máximo de tempo de conexión aos cativos ou fixando un horario de acceso á Internet (sendo incluso posible activar filtros de acceso que bloquean o acceso a millóns de espazos web con contido explícito).
Google recomenda o uso dun único Google Wifi en apartamentos cativos, de 2 dispositivos en casas medianas e de 3 dispositivos para fogares de grande tamaño e, aínda que existan outros produtos semellantes máis baratos no mercado, no que si destaca a solución de Google é na simplicidade de configuración e xestión.
O Google Wifi está dispoñible na Google Store así como tamén en Carrefour, El Corte Inglés, Fnac, Media Markt, Orange España, PC Componentes e Worten.

PUBLICIDADE