O xogo galego The Waylanders verá a luz oficialmente en novembro

xoves, 26 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos coruñés Gato Studio emprendeu a finais de 2018 unha campaña de micromecenado para facer realidade o seu xogo The Waylanders, coa intención de que o xogo puidese estar dispoñible a partir de xuño de 2020, pero pulir este ambicioso proxecto levou o seu tempo, e por fin temos unha data de lanzamento: o 16 de novembro de 2021.

Aínda que o xogo non estreará a súa versión final até finais de ano, actualmente hai numerosos usuarios poñéndoo a proba no seu acceso anticipado, que coa versión definitiva de The Waylanders verán como se expande a experiencia da época celta coa era medieval, o que supón un incremento de historia, misións, armas, armaduras, clases avanzadas e rexións. O acceso anticipado ofrece entre 10 e 12 horas de contido, mentres que o título completo está previsto que ofreza preto de 40 horas de xogo.

Os xogadores interesados no xogo, que non aproveitasen a oportunidade de adquirilo en Kickstarter, teñen agora en Steam a posibilidade de adquirilo cun desconto do 20% como promoción antes do lanzamento final. Tamén é posible facerse co xogo a través de GOG.

Tráiler do xogo no que anuncian a súa data de lanzamento

PUBLICIDADE