O videoxogo galego The Waylanders inicia a súa campaña de micromecenado
mércores, 17 de outubro do 2018
- Un nutrido grupo de profesionais leva meses traballando para facer realidade o xogo The Waylanders
En marzo o estudio coruñés Gato Salvaje presentou
o proxecto no que levan bastantes meses traballando, o xogo de rol The Waylanders, dando conta de que o
xogo involucra a un elevado número de profesionais e conta cun orzamento
próximo aos 2 millóns de euros, polo que sería un dos videoxogos máis ambiciosos
a nivel estatal. Esta aventura estaría ambientada ao redor do Camiño de
Santiago, nas épocas celta e medieval, introducindo lendas e mitoloxías galegas
para construír unha temática de espada e bruxería que tan boa aceptación ten no
lecer electrónico e, de feito, este universo tamén serviu para inspirar un
xogo de mesa de Eclipse Editorial que superou con éxito unha campaña de
micromecenado para que sexa unha realidade o ano que vén.
Para tomar o pulso ao mercado e ter tamén unha fonte máis de financiamento, Gato
Salvaje vén de iniciar unha
campaña en Kickstarter a través da que os entusiastas dos xogos de rol
poden apoiar o proxecto e mercar o xogo na súa versión para PC de xeito
anticipado e con opcións para recibir contidos adicionais moi interesantes.
Quen queira apoiar á creación de The
Waylanders pode realizar unha achega de a partires de 5 dólares, aínda que
por a partires de 20-30 dólares é posible facerse coa Celtic Guardian Edition, ou sexa, unha copia dixital do xogo final
para ordenadores persoas que poderá descargarse a partires de xuño de 2020 a
través de Steam.
Os mecenas máis xenerosos poderán facerse con edicións máis completas, que non
só inclúen contidos dixitais adicionais como libros de ilustracións ou a banda
sonora, senón que tamén abren o acceso á versión de proba do xogo, a complementos
dixitais exclusivos e incluso completísimas edicións físicas do xogo, existindo
incluso a posibilidade de facerse cunha visita de 2 días á Coruña, para coñecer
os lugares onde se desenvolve o xogo e probar as comidas e bebidas locais, así
como gozar do videoxogos e do xogo de mesa coa xente de Gato Salvaje.
Na campaña de micromecenado de The
Waylanders deixan caer que este título está inspirado en Dragon Age: Origins, Neverwinter Nights 2 e Baldur’s Gate, entre outros xogos, pero
incorporando un innovador sistema de combate táctico que sorprenderá a moitos (permitindo
que o equipo de heroes adopte formacións nos seus ataques). Contaremos con 6
clases principais, 30 clases avanzadas e máis de 800 habilidades, de xeito que
haberá moitos xeitos de crear os nosos heroes que vivirán unha aventura cunha
rica historia que dará para máis de 40 horas de xogo.
En The Waylanders podemos ver a
acción en dous tipos de puntos de vista (isométrica e terceira persoa) de xeito
que podemos mudar a perspectiva en función da situación na que nos atopemos,
decidindo así se ter unha visión táctica ou unha experiencia máis inmersiva
segundo o momento.
Os escenarios nos que se desenvolver a historia están inspirados en
localizacións de Galicia e Irlanda, mentres que a aventura iniciarase na época
celta, trasladándose logo a un período medieval no que se reencarnarán os distintos
personaxes, o que suporá grandes cambios e permitirá que vexamos os primeiros
anos do Camiño de Santiago. Pero esta non será a única ligazón do xogo coa nosa
comunidade, xa que non só estará dobrado ao inglés e ao español, senón que
tamén contará con dobraxe en galego, algo inédito nun xogo destas dimensións.