Ocean’s entra en concurso de acredores

venres, 26 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A situación económica do operador coruñés Ocean’s leva bastante tempo sendo mala, o que ocasionou que o pasado mes de xuño moitos dos seus clientes quedasen sen liña varios días despois de que Telefónica decidise desconectalos da súa rede pola acumulación de impagamentos, e agora sabemos a través do Boletín Oficial do Estado da súa Declaración de Concurso 192/2018-B, ou sexa, que as facultades de administración e disposición do patrimonio de Oceans Networks, S.L. quedan intervidas pola Administración Concursal.
Dende a compañía aseguran que este anuncio do Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña corresponde a unha declaración de concurso voluntario, asegurándose dende Ocean’s que cota cun grupo de investimento que apoia á empresa para que poida retomar o seu funcionamento normal, á vez que salientan que o servizo para os clientes está totalmente garantido. De feito, Ocean’s continúa a ofrecer os seus servizos e captar novos clientes, aínda que os precedentes a este respecto non son moi positivos e a elevada competencia do sector das telecomunicacións fai bastante complicado poder reverter a situación.

PUBLICIDADE