OnePlus Nord: un completo móbil 5G que parte dos 399 euros

martes, 21 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Cando OnePlus presentou o OnePlus 8 como o seu novo móbil insignia en abril, o feito de que os seus distintos modelos partisen de prezos de 709 e 909 euros facía pensar a moitos que a marca perdera o rumbo, pois non podemos esquecer que o primeiro OnePlus chegou ao mercado a un prezo de 269 euros para converterse no flagship killer, espírito que estarían a traizoar, aínda que pouco tardaron en xurdir comentarios apuntando a que en breve terían un móbil máis económico que resultaría satisfactorio, e por fin temos aquí o OnePlus Nord, smartphone que sae á venda por 399 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento ou por 499 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Se ben o OnePlus Nord está lonxe de ser un móbil de alta gama como o OnePlus 8 e o One Plus 8 Pro, é un smartphone moi equilibrado, equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G (ou sexa, compatible coas redes 5G), pantalla AMOLED de 6,44 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles que presume de grande calidade en boa medida polo seu estabilizador óptico de imaxe, cámara frontal dual (cun sensor principal de 32 Mpíxeles e outro de 8 Mpíxeles cun campo de visión de 105 graos), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.1, NFC, e unha batería de 4.115 mAh con carga rápida Warp Charge 30T que permite completar o 70% da súa capacidade en só media hora de carga. En definitiva, un móbil moi completo e competente, que resulta especialmente atractivo para quen quere dar o salto á 5G e gozar igualmente dunha experiencia de uso moi fluída (que é unha das grandes promesas de OnePlus, compañía que coida moito a súa capa de personalización para non sobrecargar o sistema).

JPEG - 97.4 KB
O OnePlus Nord pode adquirirse en cor gris ou azul

PUBLICIDADE