OpenAI permite exportar en PDF os informes xerados mediante investigación profunda

luns, 12 de maio do 2025 Marcus Fernández

No mes de febreiro OpenAI activou para os cidadáns europeos a posibilidade de realizar investigacións profundas, unha capacidade axéntica na que a partir dunha orde ChatGPT pode iniciar unha serie de buscas, análises e sínteses de centos de fontes en liña para crear un informe comprensible e de grande utilidade.
A función de Deep Research pode resultar moi práctica para realizar investigacións de múltiples fontes ou para coñecer a información pública que existe sobre algo concreto, aínda que, dado que require de bastantes recursos cada investigación (o sistema traballa entre 5 e 30 minutos por cada tarefa), os usuarios de balde teñen un límite de 5 ao mes, mentres que os usuarios Plus, Team, Enterprise e Edu teñen un tope de 25 consultas ao mes e os subscritores Pro poden realizar ata 250 consultas deste tipo.
Superado o límite de consultas, será posible seguir a empregar esta funcionalidade, pero o sistema empregará unha versión máis básica do modelo, para minimizar os recursos precisos para as investigacións profundas.
Para que os informes realizados mediante a investigación profunda teñan unha maior dispoñibilidade, están a activar aos usuarios a función de exportar os informes en formato PDF, conservando así detalles como as táboas, as imaxes, as citas con ligazóns e as fontes. Esta funcionalidade está dispoñible para bastantes usuarios do servizo, e funciona para informes tanto novos coma vellos.