Cando en novembro Xiaomi anunciou uns auriculares sen fíos chamados AirDots, non foron poucos os que aseguraron que eran unha copia chinesa dos AirPods de Apple a un prezo moito máis reducido (falamos duns 25-35 euros en contraste cuns 179 euros), aínda que a semellanza entre ambos produtos era principalmente no nome, e para confirmalo aos poucos días filtráronse imaxes duns auriculares de Xiaomi que si tiñan unha aparencia moito máis semellante aos de Apple, que respondían ao nome de Mi True Wireless, e que finalmente esta semana chegan ao mercado como Mi AirDots Pro, que cun prezo de 399 iuans (50,88 euros) deixan clara a súa ambición, manténdose igualmente nun rango de prezo que podería valerlles impresionantes vendas como aconteceu co modelo económico.
Os Mi AirDots Pro poderán mercarse a partires do día 11, e preséntanse cunha aparencia moi semellante á dos AirPods, diferenciándose claramente polo feito de que os auriculares de Xiaomi teñen capuchóns de silicona intercambiables, detalle que destaca a simple vista.
Estes novos auriculares, compatibles con iOS e Android, contan con conectividade Bluetooth 4.2, soporte de AAC, resistencia á auga IPX4 e cancelación de ruído activa. Manéxanse mediante controis táctiles e poden cargarse no seu estoxo, de xeito que tras 1 hora de carga permiten unha autonomía de 3 horas para os auriculares, que poden introducirse para a súa recarga no estoxo para completar unha autonomía total de 10 horas.
Queda agora por ver se chegarán oficialmente a España e se o seu prezo oficial será tan atractivo como o que ten en China.
Os Mi AirDots Pro aspiran a converterse na alternativa económica aos AirPods
Compartir Este Artigo

