Os drons policiais que operarán na Coruña en setembro poderán recoñecer rostros a 300 metros

mércores, 25 de agosto do 2021 S. P.

Este verán puidemos coñecer os detalles dun proxecto do Concello da Coruña para dotar á Policía Local de drons de vixilancia con cámaras de aumento e capacidade térmica que permitan a operatividade nocturna. Estes aparellos aéreos son desenvolvidos e equipados pola empresa galega Aerocamaras, que tamén se encarga da formación dos axentes para convertelos en expertos no manexo destes dispositivos. Segundo explica a Tecnópole, os drons do 092 serán dous e poderán recoñecer rostros a 300 metros de distancia.
A previsión é a de que comecen a traballar en setembro. Un destes aparellos usarase para controlar a circulación (chegando a colaborar nos atestados) e outro irá destinado á Patrulla Verde, co fin de desenvolver tarefas de protección ambiental.
O director executivo (CEO) de Aerocamaras, Jaime Pereira, comentou este verán que se ben cada vez son máis os corpos policiais municipais que adquiren estes aparellos e que A Coruña non foi unha cidade pioneira (esta distinción innovadora debera ser máis ben para Sanxenxo), si que é certo que a cidade herculina destaca por ter elixido “o dron perfecto para cumprir coas esixencias da Policía Local”.
En concreto, o modelo escollido foi o Mavic 2 Enterprise Advanced: un vehículo aéreo DJI mellorado con visión dual, versátil e compacto con cámaras térmicas, que inclúe zoom dixital de 32 aumentos e precisión centimétrica con RTK, o que, segundo reflicte a empresa galega, é crucial á hora de efectuar reconstrucións de accidentes complexos, “porque pode medir distancias cunha marxe de precisión moito maior que o GPS”. De feito, “eses 32 aumentos significa que están en disposición de efectuar un seguimento do rostro dunha persoa a 300 metros de distancia”, explica o CEO de Aerocamaras, que tamén engade que estes vehículos son semellantes aos que a DXT comezou a usar nas súas campañas este verán, pero a diferenza radica en que os do 092 son “máis compactos” e non están equipados con radar, pero si que teñen capacidade para localizar un condutor que infrinxe unha limitación.
O software que carrexan estes aparellos posibilitará aos axentes optimizar a súa precisión cando estuden un accidente.

PUBLICIDADE