Os enxeñeiros de Telecomunicación distinguen as nosas mellores prácticas TIC o día 23 en Vigo

venres, 9 de setembro do 2022 S. P.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022, que serán entregados o vindeiro 23 de setembro nun acto no Hotel Attica 21 (Business & Wellness) de Vigo.
A convocatoria acada a súa 26 edición e distinguirá novamente o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) galego por parte de diferentes persoas e entidades.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2022 recoñece a traxectoria de Ricardo Fernández Fernández. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción “o feito de que Ricardo ten sido unha persoa clave na fundación da organización colexial do colectivo dos enxeñeiros de Telecomunicación, á que permaneceu intimamente ligado coma director xerente desde o seu comezo, e coma secretario xeral en diferentes lexislaturas”.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), recae este ano no proxecto Smilink, desenvolvido por Damián Vázquez Lavandeira. Valorouse “a súa evidente utilidade para a integración social e a axuda á non desconexión da sociedade, das persoas maiores con problemas de mobilidade ou illamento”. Tamén se tivo en conta “a coherencia do proxecto coa estrutura poboacional de Galicia, con moitas persoas maiores que viven en soidade, especialmente no eido rural”. Outro dos motivos foi “o seu desenvolvemento técnico, integrando tecnoloxías punteiras para unha finalidade social práctica de xeito inmediato, con posibilidades de continuidade e evolución temporal”.
O Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións recae este ano na empresa Dinahosting. O xurado tivo en conta para outorgar este galardón, que patrocina a empresa Axians, “os máis de 20 anos que a empresa compostelá Dinahosting leva ofrecendo solucións competitivas para a presenza en Internet, con infraestruturas e tecnoloxías punteiras desde Galicia e con capital independente”. Ao tempo, tívose en conta “a súa aposta polo capital humano galego creando emprego estábel e de calidade na comunidade autónoma”.
O Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sostibilidade e Coidado
da Terra (de nova creación nesta edición da convocatoria) impulsado pola compañía tecnolóxica que lle dá nome, recae no proxecto Aldeas Intelixentes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Valorouse como razón determinante desta distinción “o modelo de aldeas intelixentes impulsado dende esta Axencia, que trata de garantir a dixitalización e a redución da fenda dixital en contornas rurais da man de solucións sustentábeis que teñan o menor impacto”.

A Noite Galega das Telecomunicacións

Con posterioridade ao acto de entrega de premios, no mesmo Hotel Attica 21 de Vigo desenvolverase a Noite Galega das Telecomunicacións, que se concibe como “un relevante acto de networking por parte dos profesionais do sector” e nel está previsto que participen arredor de 250 persoas, principalmente enxeñeiros de Telecomunicación asociados, representantes de destacadas entidades que patrocinan o evento, organizacións, profesionais e empresas do ámbito TIC.
Conscientes da importancia que as novas tecnoloxías posúen na sociedade actual para axudármonos a estar máis interconectados, sobre todo no caso de determinados colectivos sociais vulnerábeis ao acceso tecnolóxico, neste 2022 o colectivo teleco celebra a Noite Galega das Telecomunicacións baixo o lema Dixitalización sen fronteiras sociais.
Con esta decisión, pretenden poñer o foco nunha cuestión clave: a vontade dos enxeñeiros de Telecomunicación en “cooperar coas diferentes administracións, con institucións e con outros colectivos profesionais para axudar a que ninguén quede atrás no acceso ás TIC”, informan dende a AETG e o COETG.