Os enxeñeiros de Telecomunicación fan un chamamento por garantir o pleno uso das TIC entre os maiores

venres, 23 de setembro do 2022 S. P.

Vigo acolleu este 23 de setembro a celebración da Noite Galega das Telecomunicacións, organizada pola Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG-COETG) para festexar a reivindicar a importancia das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) en todos os ámbitos sociais, económicos e culturais, entre outros moitos ámbitos específicos. Foi, máis ca nunca, unha oportunidade para desfacer fendas dixitais e recordar a importancia de que todas e todos gocemos destas vantaxes tecnolóxicas, incluída tamén a poboación sénior. Precisamente o decano do COETG e presidente da AETG, Julio Sánchez Agrelo, sinalou que “un 68% dos maiores sostén que as súas habilidades dixitais son moi baixas”.
Así o destacou na súa intervención durante a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022, que se celebrou este venres en Vigo baixo o lema Dixitalización sen fronteiras sociais. Tras o acto, desenvolveuse a 26 Noite Galega das Telecomunicacións.

Cifras preocupantes

Malia que “nos últimos 15 anos a cifra de maiores que accede periodicamente a Internet disparouse dun 5% no ano 2006 a un 75% en 2021” aínda hoxe “un 68% dos nosos maiores sostén que as súas habilidades dixitais son moi baixas”. Así o puxo de manifesto Julio Sánchez Agrelo, durante a súa intervención na entrega dos galardóns. Adicionalmente, Sánchez Agrelo reivindicou o papel do colectivo dos enxeñeiros de Telecomunicación como “contribuínte á transformación dixital da nosa sociedade”. Por iso, continuou, “temos a responsabilidade moral de impedir que se creen fronteiras no uso das tecnoloxías dixitais por parte dos nosos maiores”. Precisamente, o lema elixido polo colectivo dos telecos para celebrar a súa 26 Noite Galega das Telecomunicacións, que tivo lugar tras o acto de entrega dos premios, foi este ano Dixitalización sen fronteiras sociais.

Un reto para 2030

Julio Sánchez Agrelo lembrou que, a día de hoxe, “case a metade da humanidade, 3.000 millóns de persoas, aínda non están conectadas e a meirande parte delas, vive en países en vías de desenvolvemento, sobre todo en zonas rurais”. Ao respecto, indicou que “para 2030 temos que conectar a todos, en todas partes, xa que todo o mundo debe aproveitar as tecnoloxías dixitais para non quedar atrás”. Pero non só se referiu á asegurar á accesibilidade ás TIC para os maiores. “Amais, seguen existindo brechas de xénero e de accesibilidade económica”, que cómpre atallar, segundo asegurou, engadindo que para acadar este obxectivo cómpre “promover a aprendizaxe ao longo da vida; promover a autonomía e garantir o dereito á privacidade; asegurar que o acceso TIC se dea por igual a todos os cidadáns; e loitar contra a discriminación por idade”.

Premios

No acto de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022 participaron, ademais do decano; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde da cidade, Abel Caballero.
En total, entregáronse cinco premios.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2022 recoñeceu a traxectoria de Ricardo Fernández Fernández. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción “o feito de que Ricardo ten sido unha persoa clave na fundación da organización colexial do colectivo dos enxeñeiros de Telecomunicación, á que permaneceu intimamente ligado coma director xerente desde o seu comezo, e coma secretario xeral en diferentes lexislaturas”.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), recaeu este ano no proxecto Smilink, desenvolvido por Damián Vázquez Lavandeira. Valorouse “a súa evidente utilidade para a integración social e a axuda á non desconexión da sociedade, das persoas maiores con problemas de mobilidade ou illamento”. Tamén se tivo en conta “a coherencia do proxecto coa estrutura poboacional de Galicia, con moitas persoas maiores que viven en soidade, especialmente no eido rural”. Outro dos motivos foi “o seu desenvolvemento técnico, integrando tecnoloxías punteiras para unha finalidade social práctica de xeito inmediato, con posibilidades de continuidade e evolución temporal”.
O Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións, foi dar este ano á empresa Dinahosting. O xurado tivo en conta para outorgar este galardón, que patrocina a empresa Axians, “os máis de 20 anos que a empresa compostelá Dinahosting leva ofrecendo solucións competitivas para a presenza en Internet, con infraestruturas e tecnoloxías punteiras desde Galicia e con capital independente”. Ao tempo, tívose en conta “a súa aposta polo capital humano galego creando emprego estábel e de calidade na comunidade autónoma”.
O Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sostibilidade e Coidado da Terra (de nova creación nesta edición da convocatoria) impulsado pola compañía tecnolóxica que lle dá nome, recaeu no proxecto Aldeas Intelixentes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Valorouse como razón determinante desta distinción “o modelo de aldeas intelixentes impulsado dende esta Axencia, que trata de garantir a dixitalización e a redución da fenda dixital en contornas rurais da man de solucións sustentábeis que teñan o menor impacto”.
Finalmente, o Premio ao Mellor Expediente Académico do Mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo do Curso 2021-2022 distinguiu ao estudante Javier Rey.

Damián Vázquez, Inés Santé, Julio Sánchez Agrelo, Ricardo Fernández, Javier Rey e Carlos Suárez