Os subscritores de PS Plus poden descargar xa Destiny 2

mércores, 29 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Tras a decepción dos Xogos con Gold que Microsoft ofrecerá en setembro, Sony sorprende con todo o contrario, ofrecendo dous grandes xogos de primeira liña para PlayStation 4 a través de PlayStation Plus, como son o shooter de ciencia ficción Destiny 2 de Bungie (que conta co galego Luís Tosar dando voz ao malvado Dominus Ghaul) e a versión remasterizada de God of War III, de xeito que podemos lembrar o derradeiro capítulo da historia de Kratos no seu periplo grego, agora que o personaxe está de actualidade tras o lanzamento dunha nova saga ambientada na mitoloxía nórdica. Como agasallo tamén se ofrecen de balde os xogos Petoons Party (pertencente ao programa PS Talents), Saber es Poder e Here They Lie.
Os xogos de PlayStation 3 deste mes, Another World – 20th Anniversary Edition e QUBE Director’s Cut, teñen como sorpresa que poden xogarse tamén en PlayStation 4 (e no caso do primeiro, tamén en PS Vita). E para PS Vita os xogos de setembro serán Foul Play (tamén xogable en PS4) e Sparkle 2.
Os xogos mencionados estarán dispoñibles para a súa descarga a partires do 4 de setembro, agás Destiny 2, que pode descargarse a partires de hoxe mesmo.

God of War III foi a derradeira entrega da historia de Kratos no seu enfrontamento contra o panteón mitolóxico grego

PUBLICIDADE