Os usuarios de Xbox One poderán gozar de máis dun cento de xogos por 9,99 euros/mes

mércores, 24 de maio do 2017 Marcus Fernández

O anuncio de que Microsoft estaba a preparar un servizo de subscrición de videoxogos para Xbox One na liña do que serían Spotify e Netflix para a música e a televisión respectivamente, causou bastante expectación, xa que tal proposta facilitaría que os xogadores que non teñen interese en xogar unicamente aos últimos lanzamentos teñan sempre xogos dispoñibles para botar unha partida dentro dun catálogo con máis dun cento de títulos que iría renovándose mensualmente. Finalmente este soño deixa convértese en realidade, e Xbox Game Pass estrearase oficialmente o vindeiro 1 de xuño, aínda que os subscritores Gold de Xbox LIVE poden comezar xa a empregar o servizo, que incluso ten dispoñible un período de proba de balde durante 14 días.
Con Xbox Game Pass os xogadores contarán cun catálogo dinámico de xogos para Xbox One, entre os que tamén hai bastantes retrocompatibles de Xbox 360, conseguindo así un rico catálogo capaz de garantir moitas horas de diversión ao mes por un prezo bastante axustado: 9,99 euros.
O catálogo de lanzamento de Xbox Game Pass inclúe títulos moi variados, que van dende éxitos recentes como Halo 5: Guardians, Payday 2, NBA 2K16 e LEGO Batman até clásicos como as tres entregas de Bioshock, os xogos de Gears of War da súa serie orixinal (incluíndo o remake para Xbox One) e incluso títulos retro como as coleccións Vintage de SEGA (con sagas como Golden Axe ou Streets of Rage). Aventuras, xogos deportivos, títulos de loita, shooters, xogos de estratexia... un amplo abano de xéneros conforman este catálogo que durante o tempo no que a subscrición a Xbox Game Pass estrea activa comportaranse como se fosen xogos mercados, ou sexa, que o xogador poderá instalalos sen problema na súa consola, de xeito que conseguiríase unha experiencia de xogo plena (mentres que outras ofertas semellantes dependen da calidade da conexión á Rede, xa que achegan os xogos mediante streaming).
Microsoft comprométese a incorporar novos xogos a este novo pase cada mes, ou sexa, que o catálogo non será estático e, de feito, os subscritores poden igualmente a optar por mercar algúns dos xogos incluídos no pase, conseguindo así un desconto especial na súa compra (garantindo así a posibilidade de poder gozar do título no futuro).

Larry Hryb explica en que consiste Xbox Game Pass

PUBLICIDADE