PS Plus deixará de lado a PS3 e PS Vita

mércores, 28 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Comunicado por correo electrónico que os subscritores de PS Plus recibiron hoxe indicando os cambios do servizo

En 2015 Sony confirmaba que deixara de desenvolver xogos para PS Vita e nos últimos meses tamén puidemos constatar que a PlayStation 3 limitaba os seus lanzamentos ás edicións sen melloras das típicas series anuais como Just Dance ou FIFA, polo que o anuncio que realizou hoxe Sony confirmaría o abandono de ambas consolas: a partires do 8 de marzo de 2019 o servizo de PlayStation Plus deixará de incluír xogos de PS3 e PS Vita.
Este aviso chega con máis dun ano de antelación, para evitar reclamacións por parte dos subscritores actuais, e aínda que o os xogos de PS3 e PS Vita ofrecidos nos últimos anos seguirán a estar dispoñibles para os subscritores, non se incluirá ningún xogo novo, en boa medida porque cada vez é máis complicado atopar xogos para as vellas consolas (como podemos comprobar nos xogos de PS Vita incluídos en PS Plus nos últimos anos, que na súa meirande parte eran completos descoñecidos para o xogador medio).
Que a partires de marzo de 2019 PS Plus só inclúa xogos de PlayStation 4 pode resultar moi molesto para os subscritores xa que o servizo vén de incrementar o seu prezo, polo que o principal incentivo para contratar o servizo pasaría a ser o mero feito de que é preciso para xogar en liña coa PS4.
Lembremos que PS Plus foi a resposta de Sony ás subscricións de pagamento de Xbox para poder xogar en liña, pero a PlayStation Network sempre contou cunha infraestrutura moi inferior á de Microsoft, con peor funcionamento e un volume de incidencias elevado (especialmente en períodos festivos, que é cando hai maior demanda), e o feito de que a partires do ano que vén os usuarios de Xbox LIVE Gold conten con mellor infraestrutura de rede e un maior volume de xogos (xa que ofrecen mensualmente 2 de Xbox One e 2 de Xbox 360 que tamén poden xogarse en Xbox One) non sentará nada ben aos seareiros da marca PlayStation, que sempre defenderon o poder xogar en liña sen pagar, e que agora teñan que facelo á forza con menos incentivos adicionais será un oso duro de roer.

PUBLICIDADE