PS Plus incluirá Heavy Rain en xullo

mércores, 27 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Tras uns meses bastante completos nos que os subscritores de PlayStation Plus recibiron grandes xogos, posiblemente para compensar que en poucos meses van ver como o servizo abandona ás consolas PlayStation 3 e PS Vita, Sony semella ter soltado lixeiramente o pé do acelerador ao incluír xogos de menor peso para o mes de xullo, coa grande excepción de Heavy Rain, título de Quantic Dream dirixido por David Cage, que podería considerarse máis como unha película interactiva que como un xogo puro, e que claramente busca atraer o interese cara ao novo lanzamento do seu estudio, Detroit: Become Human, como xa fixeran hai un par de meses ao incorporar a PlayStation Plus o xogo Beyond: Dos Almas.
Para PlayStation 4, aparte de Heavy Rain teriamos tamén Absolver, un xogo de combates multixogador en liña con toques de rol, que pasou totalmente desapercibido. Como xogo adicional de PS Talents tamén ofrecerase Phobos Vector Prime: The Fist Ring, unha especie de shoot’em up con toques arcade, un tanto peculiar que pode considerarse puro recheo entre os xogos deste mes.
No casos dos xogos de PlayStation 3, a cousa tamén é bastante modesta, con Rayman 3 HD (unha remasterización do que posiblemente sexa o xogo menos significativo da serie de Rayman) e Extreme Exorcism (un xogo indie con aparencia pixel art que permite enfrontar até a 4 xogadores).
Os xogos de PS Vita de xullo serán Zero Escape: Zero Time Dilemma (unha aventura con toques de animación e quebracabezas que por desgraza non está traducido ao español) e Space Overlods (un xogo de acción e destrución que como principal vantaxe ten que goza de crossbuy, ou sexa, que tamén pode xogarse en PlayStation 4).

PUBLICIDADE