Pagan 1.560.000 dólares por unha copia de Mario 64

luns, 12 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Despois de que unha copia de The Legend of Zelda acadase un prezo de 870.000 dólares nunha poxa, establecendo unha marca histórica, unha nova poxa en Heritage Auctions conseguiu establecer un máximo de infarto, xa que pagaron 1.560.000 dólares (1,3 millóns de euros) por unha copia sen abrir e nunhas condicións de conservación magníficas do Super Mario 64 para Nintendo 64, xogo de 1996 que fixo historia coa súa proposta de xogo de plataformas en 3D que deixou ao mundo abraiado no seu día.
Esta poxa destaca por supor un novo record mundial, pero sorprende moito que se acadase tal cantidade económica por un xogo do que se venderon millóns de unidades, das que aínda quedan moitas en circulación. Estamos ante unha escalada de prezos en poxas de videoxogos que resultan moi sospeitosas, xa que proveñen da mesma casa de poxas, non se sabe quen son os compradores e os prezos pagados non atenden a ningunha razón, e como mostra dixo temos que hai un ano o máximo pagado por un videoxogo foran 114.000 dólares por unha copia de Super Mario Bros. para NES, e xa daquela considerouse inxustificable pagar tal cantidade por un cartucho dun xogo do que se produciron moitísimas copias.
Cómpre advertir que a compra de videoxogos retro a este nivel non ten sentido a xeito de investimento, xa que a longo prazo desaparecerá o efecto nostálxico que dá valor a estes produtos, e non haberá coleccionistas dispostos a pagar cantidades desorbitadas por vellos produtos de consumo que non estean asociados a lembranzas persoais.

PUBLICIDADE