Perplexity estrea navegador web

venres, 11 de xullo do 2025 Redacción

Esta semana Perplexity presentou Comet, un navegador web deseñado para responder ás necesidades actuais dunha Internet que xa non se limita a ser unha fonte de consulta, senón que se converteu no espazo onde traballamos, vivimos e nos relacionamos. Comet busca superar os límites dos métodos tradicionais de navegación baseados en lapelas e ligazóns, para ofrecer unha experiencia máis integrada e contextual.
Propón unha transición da simple navegación á cognición: En lugar de acumular páxinas abertas, o navegador agrupa toda a actividade nunha única interface intelixente que comprende o contexto do usuario e axuda a manter o foco.
O asistente integrado en Comet permite, por exemplo, buscar alternativas a un produto nun só paso, comparar informacións con outras xa consultadas ou pedir explicacións sobre conceptos complexos directamente sobre o contido dunha páxina web.
Para poder descargar Comet precisamos estar subscritos a Perplexity Max (que ten un prezo de 200 dólares/mes), aínda que o resto de usuarios tamén poden inscribirse na lista de agarda que irá abrindo acceso a novos usuarios ao longo do verán. Os usuarios que teñan acceso á aplicación tamén poderán convidar a outros usuarios.

Da resposta á acción

Unha das principais innovacións de Comet é a súa capacidade para transformar a navegación en acción directa. Os usuarios poden pedir que se reserve unha reunión, se envíe un correo ou mesmo que se realice unha compra esquecida, sen abandonar o contexto da súa actividade principal. Isto supón, segundo Perplexity, unha fusión entre o pensamento en voz alta e a execución de tarefas complexas, todo dentro da mesma experiencia de usuario.
Os usuarios poden subliñar textos para obter explicacións, explorar ideas relacionadas sen perder o fío da lectura ou pedir contrapuntos. A ferramenta aprende dos hábitos de pensamento de cada persoa para ofrecer unha asistencia cada vez máis personalizada e proactiva.

Vídeo promocional do navegador web de Perplexity