PlayStation Now permitirá gozar de xogos de PS4 a través de streaming

luns, 13 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Mentres Microsoft está a preparar nun servizo de subscrición de xogos baseado na descarga e instalación dos mesmos dun xeito tradicional, de xeito que incluso os usuarios con conexións que non sexan especialmente boas poderán gozar do servizo, dende Sony levan un tempo apostando polo xogo en streaming, o coñecido como PlayStation Now, servizo con presenza en moi poucos territorios (xa que precisa de moi boa conexión entre os servidores do servizo e os usuarios finais, para conseguir unha experiencia sen retardos) e que actualmente ofrece 483 xogos de PlayStation 3 que poden executarse en PlayStation 4 e, dende hai uns meses, tamén en PC. Pero PlayStation Now prepárase para dar un salto moi importante, para que comece a verse como o que realmente é (xogo a través de streaming) e non como unha solución para achegar a retrocompatibilidade á PS4, e agora anuncian que o catálogo de PS Now tamén contará con xogos de PlayStation 4.
En poucas semanas os subscritores de PlayStation Now poderán acceder, inicialmente mediante invitación, a unha serie de xogos de PlayStation 4 a través de streaming, podendo incluso iniciar unha partida nunha consola e continuala noutra máquina (ou nun PC) xa que as partidas quedan almacenadas na nube.
Non é de esperar que os xogos de PS4 que se incorporen ao servizo sexan precisamente novos, pois este tipo de plataforma o que busca principalmente é tirar proveito do fondo de catálogo das consolas, que tras o primeiro ano de vida comercial perde o seu valor para a distribución física, pero pode seguir fornecendo as distintas plataformas de xogo con moitas horas de diversión de calidade.

Adeus aos vellos dispositivos

O servizo de PlayStation Now tamén estaba dispoñible para outros dispositivos, como certos modelos de Smart TV, reprodutores de Blu-ray e incluso as consolas PlayStation TV, PlayStation Vita e PlayStation 3, pero tal compatibilidade está a retirarse paulatinamente de xeito que a mediados de agosto manterase só en PlayStation 4 e ordenadores con Windows.

PUBLICIDADE