PlayStation Plus desbota o PES 2019 e ofrece Detroit: Become Human en xullo

martes, 2 de xullo do 2019 Marcus Fernández

A selección de xogos de PlayStation Plus para xullo era un tanto decepcionante, xa que ao xogo de condución con aire retro Horizon Chase Turbo acompañábao o Pro Evolution Soccer 2019, ou sexa, un xogo de fútbol dunha tempada xa rematada, que recibirá sucesor en breve, e por iso resultou moi agradable saber que Sony recapacitou e substituíron o xogo de fútbol por un xogo realmente notable, Detroit: Become Human na súa edición dixital de luxo.
A versión de Detroit: Become Human non só inclúe o aclamado xogo de David Cage, senón que tamén inclúe outro dos xogos de Quantic Dream, Heavy Rain, de xeito que os subscritores de PlayStation Plus teñen unha magnífica oportunidade para introducirse nestas historias interactivas que practicamente constitúen un xénero en si mesmo, e que no caso de Detroit: Become Human destaca por contar con tres androides protagonistas, de xeito que achega perspectivas diferentes e únicas nos distintos momentos da aventura.
Como título adicional, os usuarios que teñan PlayStation VR tamén poderán gozar de CoolPaintrVR, unha aplicación de realidade aumentada que permite pintar no espazo.

PUBLICIDADE