Por fin é posible ampliar a capacidade interna da PS5

xoves, 29 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A capacidade de almacenamento das novas consolas pode considerarse insuficiente dende o seu lanzamento, de aí que xa de partida tivesen un método de ampliación, que no caso da Xbox Series X é mediante un accesorio externo e na PS5 a cousa complicábase por realizarse internamente e por precisar dunha actualización do firmware da consola que por fin chegou na súa versión beta, desvelando o complicado do proceso.
Nas páxinas de soporte técnico da PlayStation 5 en inglés detallan o preciso para ampliar o almacenamento interno da consola e, aparte de ter que abrir a máquina e ter que instalar a tarxeta SSD en formato M.2, dan unha cantidade tal de detalles técnicos que afastan do usuario medio a operación e, moi especialmente a identificación das memorias compatibles coa PS5, xa que hai que contar con unidades que teñan unhas prestacións semellantes ás do almacenamento nativo da consola e tamén ter un tamaño que encaixe no espazo dispoñible.
Basicamente pídese que unha unidade SSD en formato NVMe M.2 PCIe Gen4 x4 de entre 250 GB e 4 TB de capacidade, cun ancho de 22 milímetros (ou sexa, nos formatos M.2 tipo 2230, 2242, 2260, 2280 e 22110) que non teñan un disipador moi grande, ou sexa, que o máis normal é que nos vindeiros meses as tarxetas que cumpran con estas especificacións inclúan unha etiqueta que diga que son compatibles con PS5. Recomendan que como mínimo traballen a 5.500 MB/segundo, ou sexa, unidades como a Corsair MP600 Pro, que na súa versión de 1 TB ten un prezo actual de 224 euros, polo que estaría moi na liña da tarxeta de expansión para Xbox Series X|S, que custa oficialmente 216,95 euros e carece de complicacións para a súa instalación (simplemente hai que introducila nunha rañura).
Cómpre salientar que a longo prazo será posible que as SSD para PS5 sexan máis económicas que as tarxetas de Xbox polo feito de que son unidades compatibles con PC, polo que parten dun mercado máis competitivo, de xeito que nun par de anos poderían ter un prezo máis asumible.

As memorias SSD para a PS5 deben ter unhas medidas bastante concretas

PUBLICIDADE