Preséntase a primeira edición do catálogo ModaTIC.gal

mércores, 20 de marzo do 2013 Redacción

Ao abeiro do éxito do MapaTIC.gal nace o catálogo ModaTIC.gal, ferramenta onde as empresas do téxtil poden atopar solucións tecnolóxicas específicas para o seu sector e información dos diversos actores que conforman parte do ecosistema tecnolóxico de Galicia, que presentouse esta mañá durante a inauguración da I Semana TIC dedicada ao sector Téxtil. O documento pode descargarse en formato PDF e nesta primeira edición recolle 5 axentes de innovación e 40 empresas TIC que ofrecen máis de 70 solucións e servizos tecnolóxicos.
Dunha análise realizada polo Clúster Téxtil Moda sobre o contido da guía despréndese que máis do 40% dos produtos tecnolóxicos incluídos no catálogo eran descoñecidos para o sector, preto do 34% foron valorados como solucións potencialmente interesantes e un 23% corresponden a aplicacións ou servizos coñecidos e demandados.
A oferta tecnolóxica recollida no Catálogo ModaTIC.gal realizouse en colaboración coas diferentes asociacións tecnolóxicas galegas, AGASOL, AGESTIC, Cluster TIC, EGANET e Ineo, así como da plataforma tecnolóxica, Vindeira.
Os empresarios do sector téxtil atoparán no catálogo unha relación de provedores de tecnoloxía galegos, cunha descrición da súa actividade como empresa, ademais dos datos de contacto (teléfono, correo-e, web,..). As solucións tecnolóxicas están agrupadas baixo catro epígrafes: Solucións de Xestión Empresarial, Comercio Electrónico, Solucións de trazabilidade do produto e xestión loxísitca e Solucións baseadas en mobilidade. En cada un destes apartados hai unha descrición funcional da solución ou servizo, un rango de prezo e empresas reais que teñen implantado a solución.
Ademais, ModaTIC.gal recolle unha relación de axudas e incentivos autonómicos, nacionais e europeos, onde as empresas do téxtil poden atopar subvencións, fondos aos que recorrer como axuda nun proxecto de implantación das TIC nas súa empresa.