Preto de 70 títulos en galego estarán dispoñibles ao longo do ano en Netflix
martes, 15 de marzo do 2022
O
galego avanza nas plataformas audiovisuais, se cadra non tan rápido
como nos gustaría, pero este 15 de marzo a nosa lingua deu un chimpo
neste ámbito ao anunciar a
Consellería de Cultura e Educación a incorporación ao catálogo
dunha das plataformas máis populares e estendidas, Netflix, de preto
de 70 títulos en galego. Farano ao longo do ano, grazas ao
colaboración da compañía de vídeo baixo demanda e a Xunta de
Galicia.
Este
traballo conxunto materializarase co subtitulado dunha selección de
series e películas internacionais e a dobraxe de varios títulos
infantís e familiares.
A
Xunta sinalou que esta iniciativa é posible despois de varias
conversas que o Goberno galego mantivo cos representantes da compañía
estadounidense en España na procura “do obxectivo común de levar
a lingua galega ata o mundo da televisión á carta”.
Deste
xeito, durante os vindeiros meses Netflix incorporará unha selección
de arredor de 70 títulos de películas e series nas tres linguas
cooficiais do Estado, unha cifra que seguirá aumentando de forma
constante no futuro, segundo aseguran desde a compañía. En total,
esta escolma de produtos audiovisuais representa unhas 600 horas de
películas e series internacionais subtituladas e unhas 60 horas de
contido para o público infantil e familiar dobradas en galego,
catalán e éuscaro (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas
20 horas de dobraxe en cada idioma).
A
Consellería explicou tamén que “os títulos non se publicarán
todos á vez, senón a medida que vaian estando dispoñibles no
servizo, de maneira que a selección completa deste ano estará lista
para finais do 2022”. O departamento de Román Rodríguez engadiu
que unha vez que os contidos estean pendurados na plataforma “os
subtítulos e dobraxes en galego serán permanentes mentres a
película ou serie se manteña no catálogo ofertado”.
Os
subscritores que Netflix mantén en ata 190 países de todo o mundo
poderán gozar dun conxunto de series e películas en lingua galega,
entre as que destacan títulos como Emily en París e
vindeiras estreas como The Mother, Garra, Sandman ou a versión
de Pinocho que Guillermo del Toro estreará na plataforma a
finais de ano.