PuntoGal presenta unha caixa de ferramentas para xornalistas
venres, 14 de abril do 2023
PuntoGal e a Global Cyber Alliance presentaron
esta tarde na sede do Colexio de Xornalistas unha versión en galego da caixa de
ferramentas pensada para a protección dos datos dos colexiados, pero que
está ao dispor de calquera usuario interesado. Este é o segundo que se presenta
na súa versión en galego, despois dun específica para pemes que se publicou o
pasado outono.
O
portal da caixa de ferramentas é unha versión adaptada do ToolKit
que publicou a Global Cyber Alliance, no que se compilan utilidades que se
poden usar de balde e que garanten a seguridade das comunicacións e do
almacenamento de datos tanto nas actividades profesionais coma no tempo de
lecer e as comunicacións privadas dos xornalistas.
Un dominio seguro
O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que «este
portal da caixa de ferramentas, xa o segundo que publicamos en coordinación coa
GCA, permite aos profesionais do xornalismo dar un primeiro paso no diagnóstico
e prevención de posibles problemas de seguridade». González comentou,
finalmente, que «estas actividades inscríbense no esforzo do dominio para se
constituír coma un espazo seguro para todos o seus usuarios, do que tamén forma
parte a protección a través da plataforma Domain Trust, un proxecto promovido
pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos,
unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia».
Pola súa banda, Valeria Pereiras, da Xunta de Goberno do Colexio
de Xornalistas comentou «a facilidade de uso das ferramentas e o xeito de que
sexan de balde e multiplataforma vai facer o seu uso máis doado e animar aos
profesionais a manter os seus equipos e as súas redes seguras». Neste sentido,
recordou que «moitos xornalistas teletraballan, manteñen os seus equipos e non
contan co apoio de departamentos de sistemas que se preocupen pola seguridade»
e que as ferramentas como as que hoxe presenta PuntoGal «cobren unha eiva que moitos
xornalistas sentimos no coidado dos noso instrumentos de traballo, cada día
máis complexos e expostos». Tamén salientou que o colexio profesional está en
conversas coa GCA para a posta en marcha de webinars e outras colaboración
entre as dúas entidades.
Obradoiros cos xornalistas
Marina Calvo, da Global
Cyber Alliance, comentou que «Galicia está volcada coa ciberseguridade. A
estratexia ata 2030 ten obxectivos moi claros en canto á promoción dun espazo
global, aberto, fiable e seguro para toda a cidadanía. Desde a Global Cyber
Alliance e en colaboración cos nosos socios podemos axudar a cantos estades a
constriur o seu futuro. Sentímonos moi orgullosos de seguir contribuindo xuntos
no avance da Galicia dixital». Citando a Brian Cute, director do programa
C&R da Global Cyber Alliance, tamén dixo: «Como continuación á posta en
marcha do portal da caixa de ferramentas para xornalistas, celebraremos un
obradoiro de traballo para presentala en profundidade e identificar cuestións
de ciberseguridade relevantes para eles: por exemplo, a importancia de usar
ferramentas online, comprensión de conceptos de ciberseguridade básicos,
principais ciberamenazas para os xornalistas, recomendacións e boas prácticas,
así como o uso de ferramentas e recursos de ciberseguridade».
Edita de Lorenzo, Vicepresidenta da Colexio Oficial e Asociación
de Enxeñeiros de Telecomunicación, salientou «o compromiso dos profesionais das
telecomunicacións coa seguridade das mesmas, tendo en conta a importancia dos
datos que cada día movemos nas redes e a protección que requiren». Tamén
comentou que «aínda que moitos sectores teñen conta da seguridade lóxica dos
sistemas, moitas veces esquecemos a parte física das redes e a súa xestión, na
que se ocupan moitos profesionas da enxeñaría de telecomunicación integrados na
AETG».
Gustavo Herva, de AMTEGA, pola súa parte, destacou que «en
Galicia, segundo reflexa o último Balance de Cibercriminalidade de 2022, o 20%
do total de infracción foron estafas a través de medios telemáticos. Esta
cifra, de case 19.000 estafas telemáticas, acolle só aquelas que se coñecen pero,
lamentablemente, augúrase que se producisen moitas máis». Tamén destacou que «temos
que seguir traballando para impulsar a colaboración público-privada e
intensificar accións encamiñadas a fortalecer a ciberseguridade en Galicia e a
mellora das competencias no uso da tecnoloxía».