Qualcomm amosa a súa proposta de visores de realidade estendida

venres, 5 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Tras a presentación da plataforma Qualcomm Snapdragon XR2+ Gen 2, que será a base dos futuros sistemas de realidade estendida, coñecemos agora o visor de referencia que propón Qualcomm, e que posiblemente terá moitas semellanzas co que está previsto que amose Samsung no marco do CES de Las Vegas a semana que vén (agás que deixen o produto para o Samsung Unpacked do vindeiro día 17).
O visor proposto por Qualcomm estaría composto polo seu procesador Snapdragon XR2+ Gen 2, a tecnoloxía de seguimento ocular de Tobii, soporte para pantallas de até 4.300 x 4.300 píxeles a 90 Hz por ollo, 12 cámaras concorrentes (2 para seguimento ocular, 2 en cor para amosar o exterior, 4 para facer un seguimento do contorno e 4 para percibir a profundidade), utilizaría lentes pancake, permitiría axustar a distancia interpupilar mediante hardware, incluiría unha matriz de micrófonos, contaría con toma para auriculares e contaría tamén con conectividade Wi-Fi 6/6E/7.
Este deseño aspiracional sería moi semellante ás futuras Vision Pro de Apple, quedando como grande dúbida o tipo de pantallas que integrarán os visores que cheguen ao mercado, xa que producir pantallas 4K de pequeno tamaño resulta demasiado caro e complexo, polo que non sería raro que ao longo do ano vexamos solucións moi interesantes, pero que deixen para máis adiante o grande salto de resolución para así poder ter un custo máis asumible (lonxe dos máis de 4 mil euros que está previsto que custe o dispositivo de Apple cando chegue a Europa).
Cómpre salientar que na imaxe promocional que distribúe Qualcomm non se amosan mandos físicos, senón que son as mans do usuario a interface natural empregada, o que deixa clara a imitación da proposta da compañía da mazá.

PUBLICIDADE