Qualcomm tamén presenta un smartwatch

mércores, 4 de setembro do 2013 Marcus Fernández

No mesmo momento no que Samsung presentaba o seu GALAXY Gear en Berlín, Qualcomm amosaba en San Diego o seu Toq, un smartwatch bastante máis modesto, cunha pantalla Mirasol (semellante ao papel electrónico, de xeito que tanto pode estar constantemente acendida cun consumo reducido como ten unha boa visibilidade baixo a luz do sol) que conéctase ao smartphone (que funcione con Android 4.0.3 ou superior) por Bluetooth para poder amosar algunhas notificacións (por exemplo, anotacións no calendario e mensaxes recibidas por WhatsApp) e controlar a reprodución multimedia, e que destaca tamén por cargar a súa batería integrada sen fíos (podendo operar entre 3 e 5 días cunha única carga). Curiosamente o cargador sen fíos do Qualcomm Toq e o seu propio estoxo.
O Qualcomm Toq carece de cámara e botóns, controlándose a través da súa pantalla táctil. Tamén conta con micrófono e poderá adquirirse cun sistema de auriculares Bluetooth (especialmente prácticos para escoitar música). Aínda que este dispositivo pode parecer máis atractivo para moitos que presten especial atención á súa autonomía e a detalles como o seu sistema de carga, podería telo difícil para atraer ao público, pois coméntase que o seu prezo podería ser o mesmo que o do GALAXY Gear (uns 300 dólares).

O Qualcomm Toq pode cargarse colocándoo no seu estoxo
O smartwatch de Qualcomm poderá mercarse con auriculares Bluetooth para unha boa reprodución musical

PUBLICIDADE