ReallyLateBooking facilita reservas de hotel de última hora dende iPhone e móbiles Android
mércores, 10 de agosto do 2011
Os profesionais de IIPIR, empresa repartida entre Madrid e A Coruña,
coñecedores da problemática de atopar aloxamento de última hora nas cidades
españolas a un prezo asumible decidiron crear o servizo ReallyLateBooking, que
está dispoñible a través do móbil, iniciando
a súa andaina no iPhone e estreándose nas
últimas horas para terminais con Android. Deste xeito, os usuarios dos
mencionados smartphones poderán
cargar a aplicación de ReallyLateBooking para consultar a oferta de aloxamentos
en Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela e Vigo (a oferta irá espallándose
a máis cidades nos vindeiros meses) destacando o feito de que a oferta de
reservas actualízase a partir das 12 do mediodía e corresponde á noite do día
en curso, o que permite conseguir descontos de ata un 70% sobre o prezo
habitual (e mesmo comparando con ofertas en páxinas web como Trivago, Booking,
Atrápalo...), polo que “nunca deixar todo
para o último minuto saíu tan rendible”.
Con ReallyLateBooking é posible reservar habitacións ata as 3 da madrugada,
buscar ofertas en hoteis o mesmo día e realizar as reservas dun xeito áxil e
doado dende o móbil, onde podemos consultar información sobre os hoteis como os
servizos dispoñibles, fotografías dos seus interiores e o mapa de localización,
converténdose nunha ferramenta de grande utilidade para usuarios viaxeiros que
gusten de improvisar os seus desprazamentos.