Resident Evil: Revelations introducirá o segundo mando analóxico na Nintendo 3DS
mércores, 30 de novembro do 2011
- O botón deslizante Pro engade un stick analóxico adicional á Nintendo 3DS
No Xapón o xogo Monster Hunter Tri G achegaba unha
sorpresa para a Nintendo 3DS (a posibilidade de adquirilo cun accesorio que
engadía un segundo stick analóxico) e
agora confírmase que en
Europa a introdución do Botón Deslizante
Pro (Circle Pad Pro) recaerá en Resident
Evil: Revelations, xogo de Capcom que poderá adquirirse solto ou co
polémico engadido para a 3DS que soluciona unha importante eiva da consola
portátil de Nintendo a costa da súa estética.
O novo xogo de Resident Evil chegará
ás tendas o 27 de xaneiro, e segundo o produtor do título, Tsukasa Takenaka,
conta co “mellor guión da súa historia”,
que devolverá ao xogador ás raizames do survival
horror que caracterizaba aos primeiros títulos da franquía de zombis de
maior calado no mundo dos videoxogos.
- Caixa europea do xogo
A
historia de Resident Evil: Revelations
sitúase entre Resident Evil 4 e Resident Evil 5, entrelazando aos coñecidos
Jill Valentine e Chris Redfield cun par de novos compañeiros: Parker Luciani e
Jessica Sherawat. Ante a desaparición de Chris, Jill e Parker acudirán á súa
última posición coñecida, un barco de cruceiros abandonado, o que será o comezo
dunha serie de escenarios claustrofóbicos que pretenden recuperar a tensión a
esta saga, especialmente porque volveremos a contar con moi pouco munición para
rematar cos inimigos que saen ao noso paso, de xeito que non estaremos ante un
simple shooter.
O xogo Resident Evil: Revelations só
poderá mercarse co botón deslizante Pro
ata fin de existencias (entendemos que despois haberá que adquirir o accesorio
por separado).
- Resident Evil: Revelations promete recuperar o espírito de survival horror da saga