Resident Evil Revelations 2 estrea o seu primeiro episodio

mércores, 25 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O xogo Resident Evil: Revelations converteuse nun dos grandes títulos de Nintendo 3DS, sendo tamén o que estreou o Botón Deslizante Pro (accesorio que engadía un stick analóxico dereito), pero este título que presumía de ser a volta ao survival horror da saga (aínda que prescindir da acción, o que deixaba notarse por elementos como que permitía disparar mentres de camiñaba, algo que até o momento non era posible nesta franquía) non quixo limitarse ás consolas portátiles, e gozou dunha remasterización a consolas domésticas e ordenadores persoais, abrindo este título a unha público máis amplo, tendo unha acollida o suficientemente boa como para que hoxe estrea secuela.
Dende hoxe pode mercarse o primeiro capítulo descargable de Resident Evil Revelations 2, que terá 4 entregas semanais en total, de xeito que a partires do 20 de marzo o xogo tamén poderá mercarse completo en formato físico. O primeiro capítulo está á venda por 5,99 euros, mentres que o pase de tempada para poder descargar cada capítulo segundo estea dispoñible custa 24,99 euros, estando dispoñible para Xbox One, Xbox 360, PlayStation 4, PlayStation 3 e PC (Steam).
A historia está protagonizada por Claire Redfield, secuestrada xunto Moira Burton (filla de Barry do primeiro Resident Evil) que deberán sobrevivir nunhas instalacións abandonadas. Ao seu rescate acudirá Barry Burton, acompañado por unha moza con poderes extrasensoriais (Natalia Korda), de xeito que teremos unha aventura na que veremos o punto de vista de cada parella. O xogador controlará a Claire e a Barry, mentres que o seu acompañantes estará controlado por unha intelixencia artificial ou por un amigo en cooperativo local.
O xogo tamén contará con Modo Asalto, que poderá gozarse tanto en liña como fóra de liña, con máis de 200 misións repartidas ao longo dos 4 capítulos.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE