Nos servizos de subscrición das consolas de videoxogos no mes de outubro parece que vai haber un cambio de tornas, e tras o anuncio de que Microsoft incluiría nos seus Xogos con Gold unha serie de títulos de reducida relevancia, Sony fai xusto o contrario, e detalla os xogos que a partires do 4 de outubro estarán dispoñibles para os subscritores de PlayStation Plus, que son a mellor selección en bastantes meses.
Un dos xogos máis salientables que recibirán os subscritores de PS Plus é Resident Evil, a remasterización do clásico de Capcom, que xustamente este ano está a celebrar os seus 20 anos e que chega nun momento no que a meirande parte das entregas da saga están a relanzarse en versións remasterizadas, preparando o camiño para Resident Evil VII, xogo que, por outra banda, parece ir nunha liña totalmente separada á das anteriores entregas.
O outro xogo, e que sen dúbida é o prato forte do mes de outubro, é Transformers: Devastation, título de PlatinumGames que colle a franquía dos Transformers, concretamente a súa primeira xeración (ou sexa, os personaxes orixinais, e non a versión cinematográfica), permitindo encarnar a cinco Autobots para enfrontarse aos Decepticons para salvar ao mundo dos plans de Megatron. Este título recolle con fidelidade a estética dos Transformers e ofrece un xogo propio do seu estudio de desenvolvemento, de xeito que temos combates de acción trepidante que traducirase en diversión pura.
Estes dos xogos de PlayStation Plus son para a plataforma PlayStation 4, mentres que o resto de consolas de Sony recibirán títulos moi discretos, que concretamente serían o xogo de quads Mad Riders e From Dust para PlayStation 3 e Code: Realize – Guardian of Rebirth (xogo dun xénero moi pouco popular en Occidente, como é o das novelas visuais, orientado a un público feminino) e Actual Sunlight (xogo indie con aire retro) para PS Vita.
Resident Evil e Transformers: Devastation chegan a PS Plus en outubro
Compartir Este Artigo
