Rogue Trooper estréase en consolas de nova xeración
martes, 17 de outubro do 2017
No
marco da celebración dos 40 anos da revista británica de banda deseñada 2000 AD prepararon a rematerización do videoxogo de Rogue Trooper publicado pa Xbox, PS2 e PC en 2006 e adaptado a
Wii en 2009, e finalmente o traballo de TickTock Games deu o seu froito e temos
o clásico adaptado para correr en máquinas modernas, para o que incorporaron
numerosas melloras gráficas, como texturas de alta definición, sombras e
iluminación dinámicas e, por suposto, gráficos en Full HD. As escenas
cinemáticas tamén procesáronse de novo coas resolucións de vídeo actuais.
Rogue Trooper Redux pode adquirirse a
un prezo bastante axustado, de feito que por 24,99 euros é posible adquirilo
para PlayStation
4, Xbox
One e PC, sendo
especialmente curiosa esta última versión, xa que aínda podemos mercar a súa
versión orixinal para PC a un prezo de 9,99 euros, de xeito que o usuario
pode decidir se quere gozar das novidades introducidas nesta revisión.
Un grande traballo de remasterización
conseguiu que un xogo de hai un par de xeracións puidese lucir dun xeito máis
que digno en máquinas modernas, adaptándose tamén lixeiramente a xogabilidade
para axustarse ás convencións do xénero (por exemplo, no novo xogo contaremos
cun sistema de coberturas automático, eliminando a necesidade de premer un
botón para tal fin, aínda que ese tipo de cambios só os percibirán os que
gozaran do xogo orixinal).
Temos aquí unha boa oportunidade para lembrar as aventuras dun soldado de pel
azul que percorre a devastada Terra Nu acompañado polos biochips coa
personalidade dos seus compañeiros caídos en combate. Unha premisa bastante
curiosa que no xogo orixinal tratouse con bastante acerto, de aí que moitos
lectores da obra en papel que non gozaran do videoxogo de Rebellion poidan ter
unha grande predisposición para dar unha oportunidade e esta remasterización
que van un chisco máis adiante do que estamos afeitos, e que incluso recupera a
posibilidade de xogar en modo cooperativo en liña para entre 2 e 4 xogadores.