Rokid presenta a súa alternativa económica ás Apple Vision Pro

luns, 27 de maio do 2024 Marcus Fernández

Hai uns anos chegaron ao mercado unhas lentes de realidade aumentada que funcionaban en combinación con móbiles de alta gama, sendo o seu principal expoñente as da marca Nreal (coñecida actualmente por Xreal por un conflito de marcas), aínda que co tempo pasaron a promocionarse principalmente polas súas posibilidades para servir de pantalla virtual.
Agora, o principal competidor de Xreal, Rokid, vai renovar o seu catálogo, e para facer os novos produtos máis atractivos, tira proveito do fenómeno das Apple Vision Pro e simula as súas funcionalidades de reprodución multimedia co uso das novas Rokid AR Lite en combinación cunha Rokid Station 2, que vén a ser unha petaca que integra un procesador Qualcomm Snapdragon 6 Gen 1 con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, así como unha batería de 5.000 mAh, de xeito que non precisa dun smartphone de alta gama para tirar proveito das súas funcións de realidade aumentada e de reprodución multimedia.
Estas curiosas lentes integran pantallas micro-OLED cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, cunha velocidade de refresco de até 120 Hz que permiten gozar de contidos audiovisuais como se tivésemos unha pantalla xigante, aínda que tamén facilitan a creación de experiencias de realidade aumentada baseadas en aplicacións para Android grazas a un sistema operativo (YodaOS Master) desenvolvido por Rokid. As lentes tamén integran altofalantes nas súas patillas e, de querer empregalas sen a Station 2, tamén poden conectarse a dispositivos que acheguen vídeo por conexións USB-C como smartphones de alta gama, dispositivos iPhone e iPad nos seus modelos con USB-C, ou incluso outros trebellos con saída HDMI (empregando un adaptador adicional).
Entre as vantaxes destas lentes fronte a outras no mercado estaría o feito de que contan con axustes para a miopía en cada ollo, podendo corrixir até 6 dioptrías.
Aínda que esteamos ante un produto pensado principalmente para ver contidos audiovisuais de xeito persoal, o feito de que agora conte cunha interface de uso tridimensional baseada na realidade aumentada pode ser un grande incentivo para que moitos se animen a adquirir un produto deste tipo, pois o seu prezo é moi inferior ao do visor de Apple. Actualmente as Rokid AR Lite coa Station 2 ofértase a 3.740 dólares de Hong Kong (uns 442 euros) a través de Kickstarter, o que está moi lonxe dos 3.499 dólares dos que parten as Vision Pro.
Adicionalmente Rokid tamén está a ofrecer unha revisión das súas anteriores lentes a un prezo promocional, de xeito que quedarían nuns 331 euros, o que pode animar a algúns a introducirse neste tipo de produtos, aínda que os envíos non se realizarán até o mes de setembro.

Vídeo promocional das Rokid AR Lite