SEGA prepara unha nova Mega Drive mini

luns, 6 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Aproveitando a febre das consolas retro en miniatura en 2019 saíu á venda a SEGA Mega Drive Mini, facilitando o goce de 42 xogos clásicos, e sorprendentemente a compañía decidiu recuncar no Xapón coa SEGA Mega Drive Mini 2, consola para nostálxicos que o 27 de outubro poderá adquirirse por 9.980 iens (71 euros) e que destaca fronte a outras consolas mini por contar tamén cun accesorio co que pretende lembrarse o Sega CD, que venderase por outros 4.500 iens (32 euros). Aínda non se anunciaron os plans para vender esta máquina en Europa, pero semella máis que probable que vaia ter distribución internacional ante o bo resultado que dan este tipo de produtos.
A SEGA Mega Drive Mini 2 incluirá 50 xogos, dos que aínda non se detallou a relación completa, pero entre os que destacan títulos como Sonic the Hedgehog CD, Virtua Racing, Shining Force CD, Bonanza Bros e incluso unha conversión do Fantasy Zone, aínda que probablemente a listaxe de xogos será diferente nos distintos mercados nos que se comercialice a consola retro en miniatura.

En outubro venderase unha nova versión mini da Mega Drive

Vídeo promocional da SEGA Mega Drive Mini 2

PUBLICIDADE